A Asociación de Estudos Filosóficos Doutor Castro presenta o primeiro gran portal de filosofía en galego
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/portal_filosofia_galego.jpg)
O día 9 de xaneiro de 2006 cumpriuse un dos obxectivos prioritarios da “A.E.F. Doutor Castro” para o ano 2005 coa colocación na internet do primeiro portal de filosofía en galego. Coa pretensión de ser unha ferramenta útil para os galegofalantes, esta páxina web buscou non só ser un espazo informativo, senón todo un entorno interactivo que permita ós usuarios facer as súas propias aportacións.
As características da web permitirán:
• Publicar e descargar artigos, ensaios ou arquivos multimedia. Calquera usuario poderá presentar textos para a súa publicación en liña, coa posibilidade de engadir, xunto ó orixinal en galego, as traducións ós idiomas que desexe.
• Participar en foros a respecto das múltiples disciplinas que abrangue a filosofía actual, así como de outros temas: actualidade, lecturas, etc.
• Xogar en liña, descargar xogos e mesmo crear outros novos.
• Consultar un exhaustivo índice de actividades culturais de ámbito galego (exposicións, imaxe e son, música, congresos, cursos, conferencias, premios, bolsas e as novas culturais máis salientables).
• Consultar as novidades das empresas editoriais colaboradoras.
• Enlazar con máis dun cento de páxinas de interese para a filosofía (en total, 149) organizadas en seis áreas lingüísticas: en galego, alemán, francés, castelán, inglés e italiano.
Outros proxectos en marcha
O portal de filosofía ampliarase ó longo dos dous vindeiros anos con novos contidos en canto vexan a luz dous dos proxectos que simultaneamente está a desenvolver a Asociación. Trátase do Proxecto Verbum, que consiste na elaboración dun glosario de termos filosóficos en galego, e o Proxecto Sapientia, do que resultará unha guía de autores do pensamento universal na que se incluirá tamén os pensadores galegos.
Amais de todo isto a A.E.F. Doutor Castro está a traballar a reo noutros dous proxectos de grande calado:
O Proxecto Castro: a través do que se pretende planificar e organizar o estudo das obras completas do ilustrado lugués Juan Francisco de Castro Fernández (1721-1790), o Doutor Castro. Con este proxecto a Asociación pretende reivindicar para a actualidade a prolixa e erudita labor dun incansable estudoso de indubidable valía ó que o ditame da historia relegou a un segundo plano privando ás xeracións posteriores de galegos, españois e europeos da súa fecunda creación intelectual. O obxectivo final do proxecto é a publicación dun completo e minucioso estudo da inxente obra deste pensador que sirva como primeiro paso para a súa definitiva posta en valor, así como de antesala para a edición crítica dos seus escritos. A complexidade do proxecto é moita, non só polas dificultades implícitas na análise dos textos coñecidos, e os conseguintes estudos conceptuais e comparativos, senón tamén pola localización dos manuscritos inéditos dos que non se coñece reprodución posterior algunha, nin acaso apenas referencias. Isto implica un traballo con resultados a medio ou longo prazo que de seguro causará un impacto positivo na actividade cultural galega dos nosos días e pagará a débeda que Galicia ten cun dos seus máis senlleiros intelectuais. A respecto deste proxecto a Asociación recibiu un ofrecemento de colaboración do Consello da Cultura Galega
O Proxecto Ianus, que persegue a tradución dos clásicos do pensamento universal á lingua galega, estando xa en marcha a tradución do Parménides de Platón para a preparación dunha edición bilingüe grego-galego deste clásico do pensamento de todos os tempos.
FICHA TÉCNICA SOBRE A WEB DA AEF DOUTOR CASTRO:
ÿ Título: Asociación de Estudos Filosóficos Doutor Castro
ÿ URL: http://www.asociaciondoutorcastro.org/
ÿ Enderezo electrónico: info@asociaciondoutorcastro.org
ÿ Ligazóns: 17 a páxinas galegas e 132 a páxinas nacionais e internacionais
ÿ Nº de Módulos: 19
ÿ Inclúe Buscador e Rexistro de usuarios
www.asociaciondoutorcastro.org
info@asociaciondoutorcastro.org
Asociación de Estudos Filosóficos Doutor Castro