O grupo musical IALMA, referente da música galego-portuguesa na emigración dedica o seu concerto no festival Voix de Femmes, en Bruxelas, á candidatura do Patrimonio Inmaterial

Este concerto será ofrecido como parte dun programa dun festival, que ao longo de sete anos ven celebrándose en tres cidades belgas: Bruxelas, Liége e Amberes. Dende hoxe 28 de Outubro e ata o 5 de novembro, os asistentes poderán disfrutar non só dunha oferta musical, que contará este ano con artistas femininas como Carmen Linares, Katia Guerreiro, entre outras, senón que o festival “Voix de Femmes” preséntase tamén coma un referente para o teatro, a danza, e a literatura, ao tempo que alberga tamén diferentes exposicións e obradoiros.
O grupo musical IALMA, referente da música galego-portuguesa na emigración, participará o mércores día 2 nun concerto que se presenta especial por varios motivos. Non estarán soas en escena, contarán no concerto cunha colaboración especial: As Damas de Laxoso. Será a primeira vez que estas cinco damas orixinais da aldea de Laxoso, canten alén da súa terra galega. Amelia Adán Vilanova, María Cristina Moledo Moreira, Leopoldina Cabirta Piñón, Áurea Adán Mosquera e Delia Domínguez Montes, memorias vivas da música tradicional, cantarán a súa tradición, aquela que aínda seguen transmitindo hoxe, facendo de seguro un concerto inesquecible.
Á súa vez, IALMA dedicará este concerto á candidatura do Patrimonio Galego-Portugués presentada ante UNESCO para o seu recoñecemento coma Obra Mestra da Humanidade.
O mesmo día 2, Katia Guerreiro, abrirá con fados portugueses o concerto que seguirá despois coa actuación de IALMA e as Damas de Lasoxo.
Celebración: a partir das 20:00 na sala “Halles de Schaerbeek” de Bruxelas.
Gabinete de Comunicación Candidatura Patrimonio Inmaterial