A Fundación Barrié de la Maza promove a exposición: Galicia industrial (c. 1750-2005)
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/fundacion_barrie_de_la_maza.jpg)
A exposición está composta por 141 artefactos (máquinas, enxeños, maquetas, patentes e outros documentos orixinais), centenares de imaxes e unha decena de audiovisuais, procedentes de máis de cincuenta empresas, institucións e coleccións privadas. A exposición está estruturada en catro módulos subdivididos en varios ámbitos.
Saída en falso (c.1750-c.1880) abarca os ámbitos do liño e a cerámica tradicional, a metalurxia e Sargadelos, as industrias marítimas, os curtidos e as industrias públicas. A industria chegou do mar (1880-1936) abarca os ámbitos da conserva, a construción naval e a industria derivada da pesca, a conserva e madereiras. A explosión hidroeléctrica (1936-1973) abarca os ámbitos das industrias da guerra, o volframio, o naval, as eléctricas e a química. O derradeiro módulo, O novo selo industrial de Galicia: o automóbil e a confección (1973-2005) abarca os ámbitos do automóbil, as industrias agroalimentarias, a confección, a evolución recente e a reconversión naval.
Logo que sexa clausurada en Vigo, a exposición viaxará á sede coruñesa da Fundación.
A Fundación editará, xunto ao catálogo que ilustra a exposición, a monografía El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000, primeira visión global deste tema que ten como obxectivo se converter no libro de referencia obrigada sobre a materia. No transcorrer da exposición organizaranse unha serie de actividades didácticas para escolares e visitas guiadas para adultos.
Galicia Industrial (c.1750-2005).
A Fundación Pedro Barrié de la Maza abre unha nova sede en Vigo e para este acontecemento proxectou a exposición Galicia Industrial (c.1750-2005). Trátase por primeira vez na historia de conxugar o espírito de Pedro Barrié de la Maza e o dos seus continuadores: xuntar o mundo da investigación e da cultura co da empresa nun emblemático edificio. A nova sede da Fundación ubícase detrás da fachada dun edificio proxectado polo arquitecto vigués Manuel Gómez Román no 1919 que despois da súa reforma e en diálogo co proxecto de Gómez Román ofrece múltiples posibilidades para as ambiciosas actividades culturais que vai desenvolver a Fundación. A tradición modernista e a arquitectura de vangarda dialogan neste novo espazo como o fan os vellos e novos materiais así como ás novas tecnoloxías.
Para a estrea do edificio a Fundación Pedro Barrié de la Maza citou a un equipo de expertos e de investigadores para contar o proceso industrial en Galicia dende 1750 ata 2005. O resultado desta pescuda por toda Galicia de documentos e de obxectos visuais que testemuñen esa historia foi un labor complexo e difícil pero era un proxecto ao que a Fundación non quería renunciar. Estaba pendente de explicar o enxeño e o esforzo dos galegos e das galegas ao longo da historia cos seus triunfos y cos seus fracasos. O resultado destes anos de investigación é un libro monográfico titulado El empeño industrial de Galicia 250 años de historia, 1750-2000 do que son autores o catedrático da Universidade de Santiago de Compostela Xoán Carmona e o catedrático da Universidade de Barcelona Jordi Nadal. Con este extenso volume temos por vez primeira unha panorámica da aventura industrial galega, da que só coñeciamos algúns episodios.
Ademais deste libro, que será de referencia obrigada para os estudosos da nosa historia, están a exposición e o catálogo da mesma. Esta mostra é unha homenaxe ás persoas, homes e mulleres que nos deixaron os seus logros testemuñados en fábricas, edificios, máquinas, enxeños, produtos, nomes comerciais ou persoais que reflicten a súa importancia na época que lles tocou vivir e que chegan ata os nosos días. Velaí están por toda Galicia os seus nomes, as súas obras, e os seus ecos.
Na exposición poderemos ver e entender, grazas aos escolmados obxectos, os paneis informativos e as proxeccións, ese discurso lineal no tempo e no espazo. Partindo de mediados do século XVIII e da industria nacional do liño galega, rural e espallada, veremos as diferentes iniciativas que se materializaron ata os nosos días. No primeiro módulo tamén se fala da cerámica tradicional, da metalurxia e dos primeiros altos fornos de España onde se forxaron outras ideas como a fábrica de louza soñada por Raimundo Ibáñez. Así mesmo está o mundo do mar, das posibilidades que nos ofreceu a pesca e os seus métodos de conservación dos que sae a salgadura e as industrias marítimas. Ao mesmo tempo a terra que alimenta unha abondosa cabana gandeira ofreceu os coiros para a súa transformación nas abondosas curtidoiras das nosas vilas e cidades. A situación xeográfica de Galicia a carón do océano Atlántico e fronte ao Novo Mundo trouxo a Fábrica de Tabacos e a súa situación estratéxica a creación do Arsenal, dúas empresas estatais, as máis grandes e as que máis persoal empregaron tanto feminino coma masculino. Tamén houbo iniciativas privadas novedosas como as fábricas de xarcias, de papel en Santiago e as de vidro na Coruña, cuxo material loce nas nosas galerías galegas.
O segundo módulo vai de 1880 ata 1936 e nel nárrase como da salgadura se dará paso á conserva que será o motor da industrialización de Vigo e por extensión de Galicia pois desenvolveu outras industrias, sobre todo a dos asteleiros e outras auxiliares. No interior serán as fragas galegas, coas súas carballeiras, soutos e piñeirais, as que subministren a madeira que precisa o mercado español e que nos converteu nos primeiros do sector. Estes progresos na industrialización foron interrompidos pola sublevación militar que trouxo a Guerra Civil. As empresas galegas sobreviviron nestes difíciles anos de autarquía e illamento internacional e mesmo tiveron que crear o que non podían importar. A guerra europea (1939-1945) supuxo tamén unha oportunidade para Galicia ao posuír volframio, moi cobizado polos alemáns. Este feito deu lugar á febre por ese mineral debido á súa obtención nas minas galegas, e á guerra comercial conseguinte. Na posguerra tamén vemos os esforzos dos empresarios galegos do sector naval e da conserva para se adaptar ás crises e ás dificultades dos novos tempos, e como nacen novos proxectos industriais en Galicia nos que a banca ten un papel fundamental como o tivo a electricidade con FENOSA, a grande empresa do século XX. Creada por Pedro Barrié de la Maza a través do Banco Pastor, FENOSA pode ser calificada como a súa achega máis importante ao proceso industrializador e ao desenvolvemento eléctrico de Galicia e, ademais, cumio do seu legado empresarial. A exposición amosa como a electrificación influíu no despegue da industria química así como nos triunfos de empresas agroalimentarias e de investigación. O derradeiro dos capítulos da exposición, o cuarto, chega de 1973 ata 2005 e está adicado ás crises, e á reconversión das empresas. Aí achamos a industria do automóbil que toma o relevo da naval como motor industrial en Vigo e convértese na primeira de Galicia. Tamén as conservas se tiveron que adaptar aos difíciles tempos da transición e da reconversión, e obsérvase como ao se diversificar conseguiron triunfar e converterse en transnacionais. Outro tanto ocorre cos sectores téxtil e da moda nos que Galicia se fixo cun nome no mundo. Estes anos de crise e de entrada na democracia e no mercado común supuxeron un desafío para os empresarios, que souberon adaptarse e triunfar creando empresas multinacionais, pero noutros casos as empresas foron absorbidas por transnacionais foráneas. Unha exposición, en definitiva, que nos relata a forma que adoptaron en Galicia a primeira e a segunda revolución industrial nun momento no que precisamente estamos inmersos na terceira.
Fundación Pedro Barrié de la Maza