Uxía Senlle, a señora Carme e Paula Carballeira protagonizaron o acto de presentación da Candidatura en Madrid

A contacontos galega Paula Carballeira foi a conductora do acto destacando a importancia deste patrimonio e da súa difusión xa que segundo dicía “todos formamos parte da cadea para mantelo vivo”. Paula Carballeira explicou de xeito sinxelo e ameno aos asistentes cómo a Candidatura partiu do traballo desenvolvido pola Asociación Ponte nas Ondas, e puxo exemplos concretos dese patrimonio que opta a ser declarado Obra Mestra da Humanidade pola UNESCO, coma os contos que a ela lle contaban e que ela agora segue a transmitir. O feito de que ese patrimonio opte ao recoñecemento da UNESCO dicía que “é motivo de orgullo”. Destacaba tamén ao longo da súa introducción que esta iniciativa logrou aglutinar a un amplo abano de artistas, intelectuais,músicos, políticos, ... ao seu redor.
Durante o acto proxectouse o vídeo enviado á UNESCO baseado en catro piares as manifestacións deste patrimonio, o seu valor excepcional, o perigo de extinción e a súa conservación e revitalización.
A continuación coma mostra de que ese patrimonio segue aínda vivo unha das portadoras do mesmo, a Sra. Carme do grupo de cantareiras Malvela, deleitou aos asistentes coa súas cantigas, coma mostra da “inmensa sabedoría popular que garda”.
De seguido estreouse o vídeo clip do tema “Máis preto” integrado no traballo de “Meniños Cantores”. Un libro-disco-dvd que será presentado a primeira semana de novembro, O vídeo-clip do tema composto por Uxía Senlle e Segundo Grandío, foi gravado na vella ponte internacional de Tui e Valença do Minho.
Por último e pechando o acto actuou Uxía Senlle acompañada ao piano por Paulo Borges, e ao acordeón e zanfona por Gustavo Domínguez. Uxía Senlle agradeceu a Asociación “Ponte nas Onda” – promotora da candidatura – “os anos que levan traballando con ilusión, empeño e perdendo moitas horas de soño”.Tamén deixo constancia do seu agradecemento á Consellería de Cultura, e en especial a Luís Bará, Director Xeral de Creación e Difusión Cultural, que estivo presente onte en Madrid, polo respaldo dado á Candidatura. Representado aos promotores da candidatura estiveron onte en Madrid Santiago Veloso e Lourdes Carita.
Uxía Senlle interpretou para pechar o acto de presentación en Madrid un escolma de cancións tanto galegas coma portuguesas, mostra do Patrimonio Inmaterial, e pechou cantando á capela “Estou vivindo no ceo” gañándose un caloroso aplauso do público.
Beti Rey, Gabinete de Comunación O Patrimonio