Manuel Fraga destaca a pluralidade que caracteriza tanto á Galicia territorial como á da diáspora

No acto de presentación da obra, que tivo lugar no Colexio San Xerome de Santiago, Manuel Fraga loou a “mestría xornalística e literaria” do autor, que soubo plasmar nas entrevistas recollidas en Galicia, sexta provincia, a esencia de múltiples personalidades dos máis diversos ámbitos da realidade económica e social de Galicia.
O libro está composto por numerosas entrevistas que o xornalista realizou ao longo do último ano e que se publicaron en El Correo Gallego. Entre as personalidades entrevistadas ocupan un lugar destacado os emigrantes galegos, dos que o presidente da Xunta asegurou que “conforman a paisaxe humana dun colectivo valente e arriscado, sempre emprendedor” e que “acadou un notable grao de maturez e un protagonismo” dignos de ser tidos en consideración.
INTERVENCIÓN DO PRESIDENTE DA XUNTA NA PRESENTACIÓN DO LIBRO GALICIA, SEXTA PROVINCIA 2005, DE ENRIQUE BEOTAS
- “Neste novo volume, editado para deleite dos amantes dos perfís psicolóxicos condensados nas entrevistas, atopamos unha nvoa demostración da mestría xornalístia e literaria de Beotas. Refírome, neste caso, á mestría demostrada no dominio da técnica da entrevista, probablemente un dos xéneros xornalísticos máis difíciles, aínda que habitualmente sexa considerado como un dos máis sinxelos”.
- “O amplísimo abano de personalidades que desfilan e comparten experiencias nas diferentes entrevistas deste libro, procedentes dos máis diversos ámbitos da realidade económica e social das nosas xentes, pon tamén de manifesto a pluralidade que caracteriza tanto á Galicia territorial como á da diáspora”.
- “Conforman estes últimos a paisaxe humana dun colectivo valente e arriscado, sempre emprendedor, protagonista dun dos fenómenos migratorios máis significativos da nosa historia”.
- “A Galicia do exterior acadou un natable grao de madurez e un protagonismo dignos de seguir sendo tidos en consideración”.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia