Os kolam, arte efémera das mulleres e nenas do sur da India, protagonizan unha exposición no Colexio de Fonseca

A mostra, que se poderá visitar ata o 28 de novembro en horario de luns a venres de 11 a 14 e de 17 a 20.30 horas, forma parte da investigación audiovisual de Claudia Silva en prácticas de tradición oral en diferentes culturas e a súa relación coa arte e a ciencia. "Camiñar polas rúas é unha actividade habitual. A sorpresa ao ver fermosos deseños no chan é unha experiencia asombrosa, máis aínda ao descubrir que están feitos con fariña de arroz. A elaboración destes deseños chamados kolam fai parte das tradicións e prácticas culturais femininas en Tamil Nadu, ao sur da India", indica a artista. “Ao pintarse no chan, os kolams considéranse unha expresión de arte da rúa, e a particularidade xeométrica dos seus deseños é estudada pola etnomatemática: a área de investigación interdisciplinar que conecta antropoloxía e matemáticas”, explica.
Actividades complementarias
Como actividades complementarias á exposición, a propia Claudia Silva e o profesor investigador do Consejo Superior de Investigaciones Científicas no Instituto de Ciencias Matemáticas, Óscar García-Prada, ofrecerán na tarde deste mércores, ás 18.30 horas, a conferencia 'Antropoloxía e matemáticas do kolam' no Salón Nobre do Colexio de Fonseca.
Ademais, haberá un obradoiro de realización de kolams aberto ao público o venres 8 de novembro, de 17 a 18.30 horas, no comedor do Colexio de Fonseca. Esta actividade está concibida para a cativada.
A autora
Claudia Silva traballou en proxectos de “educación propia”, intercambio cultural e divulgación con comunidades indíxenas de Colombia. Interesada en diversos métodos de educación, formouse na metodoloxía de comunicación consciente e respetuosa 'Cómo hablar para que los niños escuchen’ de Faber e Mazlish, do cal é facilitadora certificada, e en Educación Viva co Centre de Assessorament i Investigació d'Educació Viva de Barcelona (CAIEV). É titulada tamén en arte dramática polo Estudi de Teatre Helena Munné de Barcelona. Nacida en Bogotá-Colombia, en 2001 estableceuse en España. Tras vivir 14 anos en Barcelona na actualidade reside en Madrid.
O seu traballo fotográfico sobre o kolam foi exhibido no Instituto de Ciencias Matemáticas de Madrid (ICMAT), a Universidade do Porto, o Wolfson College da Universidade de Oxford, o Simons Center for Geometry and Physics da Universidade de Stony Brook de Nova York, a École Normale Supérieure de París (ENS), a Universidade Autónoma de Madrid (UAM), o International Centre for Theoretical Sciences de Bangalore da India (ICTS) e o Institute des Hautes Études Scientifiques de París (IHES).
Universidade de Santiago de Compostela (USC)