Encontros de Lúa Chea, Microaberto e a conversa coa fotoxornalista Anna Turbau, novas propostas de Lugo Cultural

O encontro coordinado pola Comisión de Normalización Lingüística da EPSE, enmárcase na programación desenvolvida ao abeiro do convenio Lugo cultural, froito da colaboración entre a Área de Cultura da USC, Cultura e Turismo do Concello de Lugo e a Vicepresidencia da Deputación Provincial de Lugo. A sesión estará moderada por Xosé Ramón Fernández Vidal.
Os Encontros de Lúa Chea continuarán no mes de novembro cando, o xoves 21, tamén ás 19.00 horas, se debata arredor das infraestruturas na provincia de Lugo. Nesta ocasión, falarán David Cota Mascuñana, profesor da área de Enxeñaría e infraestruturas dos transportes e do grao de Enxeñaría civil da USC, e Pedro Blanco Valcárcel, graduado en Enxeñaría civil e doutorando no departamento de Matemática aplicada da USC.
Anna Turbau e Microaberto
Anna Turbau relatará a súa experiencia como fotoxornalista nun encontro que terá lugar o vindeiro 26 de outubro, ás 16.30 horas, na Sala de Prensa do Pazo de Montenegro. Para participar nesta charla moderada por Adra Pallón será preciso inscribirse nun formulario electrónico ata o 24 de outubro. A actividade enmárcase dentro das actividades do Espazo de Fotografía da USC no Campus de Lugo.
Finalmente, a primeira sesión de Microaberto deste curso terá lugar o 28 de outubro, ás 20.00 horas, na cafetaría da Facultade de Administración e Dirección de Empresas coa intervención da artista convidada Laura LaMontagne. As persoas interesadas en intervir cun monólogo, poema, canción ou outro tipo de texto, poderán solicitalo ata o día 23 de outubro inscribíndose nun formulario en liña e enviar as propostas a cultura.lugo@usc.gal
Cine
Ademais, a Casa do Saber acollerá ás 19.30 horas dos días 16, 23 e 30 de outubro unha proxección cinematográfica. A primeira será The river de Jean Renoir, o día 16; á que seguirán Du Côté de la côte (1958) e La Pointe Courte (1955) de Agnès Varda, o día 23; e Carmiña flor de Galicia, de Rino Lupo, o día 30. A entrada é de balde para a comunidade universitaria e as persoas socias do Club Cultural Valle-Inclán, promotor destas ‘Sesións de Filmoteca’, en colaboración coa Filmoteca de Galicia.
Universidade de Santiago de Compostela (USC)