'De Petrarca a Cervantes', Filoloxía e Tradución inaugura unha exposición en lembranza de Francisco Rico
'Con esta exposición queremos amosar algunhas das facetas polas que hoxe, con tristura, recordámolo con todo o noso recoñecemento', explica o decano do centro, José Montero.Catedrático da Universidad Autónoma de Barcelona durante catro décadas, Francisco Rico foi membro numerario de varias academias (Accademia Nazionale dei Lincei, British Academy, Real Academia Española) e posuidor dun sen fin de recoñecementos; entre outros, Premio Internacional Menéndez Pelayo (1998), Premio Nacional de Investigación Ramón Menéndez Pidal (2004), Premio Alfonso Reyes (2013), Medalla de Ouro ao Mérito nas Belas Artes (2015) e doutor honoris causa polas universidades de Valladolid (1996) e Boloña (2016).
Filólogo, investigador, editor do Quijote, director de coleccións...
Na exposición recórdase o seu labor desde distintos ámbitos, comezando polo de filólogo e investigador. Fano, neste caso, a partir dun dos números da revista Ínsula, dedicado integramente a el e que apareceu no mes de marzo deste mesmo ano. Xunto a este, recóllense tamén algúns dos seus libros máis significativos, incluídos unha selección das súas obras maiores dedicadas a Petrarca e Cervantes.
No seu papel como editor do Quijote, Montero lembra que a edición que dirixiu Francisco Rico constitúe un antes e un despois na historia editorial deste libro e constitúe o seu maior legado ao cervantismo. Neste senso, a exposición recolle distintas edicións destes libros, todas elas en dous volumes, publicadas en 1998 (Crítica), 2004 (Galaxia Gutenberg y Círculo de Lectores) e 2015 (Real Academia Española).
A estas facetas súmanse tamén a de director de coleccións, “de clásicos que foron -e seguen sendo- referentes”; a de editor de textos clásicos (La Celestina, El caballero de Olmedo, El desdén con el desdén, El poema del mío Cid...); historiador da literatura, “sendo guía e vademecum para quen estudamos literatura española nos anos oitenta e noventa do século pasado”, e mesmo personaxe literario en obras de autores como Javier Marías e Arturo Pérez Reverte.
As persoas interesadas en visitar a mostra poden facelo ata o venres día 31 na biblioteca da Facultade de Filoloxía e Tradución.
Universidade de Vigo (UVigo)


