A aula teatral do campus de Ourense estrea en Portugal a súa nova produción

Unha historia de amizade, de revolta, de represión
Ambientada nun manicomio que “está obsoleto” e no que o “tratamento de shock que reciben as persoas díscolas está sendo cuestionado”, a obra propón unha “historia de forzas en oposición: as daquelas persoas que teñen o poder e queren perpetuarse nel e as que o cuestionan desde a súa loucura”. Desequilibrios é, engaden desde a súa organización, unha “historia de amizade, de revolta, de represión, de creatividade, de amor, de liderado, de sacrificio” que contén humor e morte, comedia e traxedia, “como a vida mesma”. A peza, apunta Fernando Dacosta, “pon diante de nós os desequilibrios que afrontamos cada día. O lado da balanza no que decidamos poñernos é cousa nosa”.
A obra foi presentada recentemente no 28º Ciclo de Teatro Universitario da Beira Interior (Portugal), onde acadou o premio do público. “Estamos moi agradecidos pola acollida do Teatr'Ubi e de Covilhã”, comenta Fernando Dacosta, dando os parabén á organización do festival e ás compañías participantes. Satisfeito por ter acadado o recoñecemento do público nesta estrea, subliña que “seguir e poder estar é o premio”. A próxima cita de Desequilibrios será nos escenarios galegos, a principios de maio, na celebración da Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense Miteu.
Universidade de Vigo