Ourense acolle a exposición sobre mocidade tutelada 'Resalire'
Cada unha das imaxes de Resalire, indican os seus responsables, “é unha reflexión íntima entre o fotógrafo e as persoas retratadas, que pretende dialogar co observador para rachar con estigmas e prexuízos que pesan sobre as costas destas mozas e mozos; estigmas que se poden materializar, entre outras cousas, en dificultades de integración, problemas para atopar traballo ou para conseguir un alugueiro”. Segundo explican desde Igaxes, organización non gobernamental que traballa desde 2001 coa infancia, xuventude e familias en situación vulnerable e que desenvolve o Programa Mentor neste eido, o resultado desta conversa é “unha exposición íntima e directa, na que as mozas e mozos tutelados mírannos apelando á nosa empatía e comprensión, amosando todo o que significa, en definitiva, ser adolescente”. Así, subliñan, “esta colaboración entre o mundo do social e o mundo da cultura nace para chegar a máis persoas e mudar máis miradas, co obxectivo de transformar unha realidade que, lonxe de ser abstracta, complica a vida de persoas con nome e apelidos”.
Ata o 8 de xaneiro
Alterarte acolle a exposición das fotografías orixinais e o Paseo da Igualdade, nos xardíns universitarios, a súa reprodución en lonas de meirande tamaño, podendo visitarse ata o 8 de xaneiro. Os materiais tamén pode verse na páxina web do proxecto. A mostra, comisariada por Carlos Rosón, director de Igaxes, e feita con apoio da Consellaría de Política Social e Xuventude da Xunta, dá continuidade ao proxecto expositivo Reciprodicidade da Sala Alterarte, que arrancou este curso académico co seu novo coordinador, o profesor Javier Blanco Sierra.
Universidade de Vigo