A 28ª Miteu traerá a Ourense 20 espectáculos de teatro universitario e profesional

A Miteu, explicou Fernando Dacosta, contará coa participación de compañías de Colombia (Andrea Ríos), de Portugal (Teatr'Ubi), e de Guinea (Ña Dingö) e sobre todo de diferentes puntos da xeografía estatal (Galicia, Madrid, Euskadi, Andalucía, Navarra e Castilla y León). Aínda que o protagonismo recaerá nas aulas universitarias, tamén haberá compañías profesionais como Yllana e música cun concerto do grupo galego The Tetas Van. A idea da Miteu, apuntou o seu director, é que “fronte á crispación: cultura, entender o diferente, entender a aquela persoa que é diferente para non ter medo, un medo que ao mellor nos leve a atacar”. Así, indicou, as obras desta edición proporán reflexións sobre temas como o racismo, a identidade sexual, o feminismo e a xustiza. Nun mundo que cada vez nos tira máis cara a distopía, apuntou Dacosta, a Miteu continúa apostando pola utopía, “que é o que nos fai avanzar”.
A participación das aulas da UVigo
Unha edición máis, nesta 28ª Miteu terán un protagonismo destacado as aulas de teatro universitario e de danza dos tres campus da Universidade de Vigo. Así, a súa programación, como xa é tradición, arrancará o día 20 de abril nas rúas do centro da cidade coa actuación En primicia, de Rosaura Aula Universitaria do Campus de Ourense. Seguiralle o día 28, no Teatro Principal, Cordelia Aula Universitaria do Campus de Ourense, que representará a súa obra O mundo como vontade. Ao día seguinte, terán lugar as 12ª Xornadas de Danza D-Outras, baixo a organización e coa participación da aula de danza do campus de Ourense. O xoves 4 de maio será a queda da Aula de Teatro de Pontevedra, que presentará Intermitencias no Teatro Principal, e da Aula de Teatro de Vigo, que no mesmo escenario representará Incendios. Por último, e tamén seguindo a dinámica de edicións anteriores, o peche da Miteu corresponderalle o día 6 de maio á Aula Universitaria do Campus de Ourense Rosaura, que representará As cidades agochadas.
A maior parte das representacións terán lugar ás 20.00 h no Teatro Principal de Ourense, aínda que a programación tamén se achegará ás rúas do centro da cidade, ao Café Cultural Auriense, ao Colexio Maristas e ao Liceo. Excepto o espectáculo de Yllana Passport, que custará entre 10 e 15 euros, as entradas para os diferentes espectáculos son libres ou cun prezo de tres euros (para compañías non profesionais) e cinco euros (para compañías profesionais).
Universidade de Vigo