A cantante Luz Casal, galardoada co XXXVIII Premio Celanova Casa dos Poetas

Concederlle o XXXVIII Premio “Celanova, Casa dos Poetas” a Luz Casal, por unha longa traxectoria musical que cumpre agora as catro décadas e que a ten convertido nunha das voces femininas de maior prestixio internacional da música española.
Tralos éxitos acadados na súa primeira etapa como intérprete de pop-rock, Luz Casal ten logrado xestionar unha carreira persoal que foi quen de evolucionar cara outros rexistros musicais, cun compromiso permanente coa calidade e o achegamento á sensibilidade musical do gran público.
A súa voz está ligada a algunhas das bandas sonoras máis internacionais do cine español como foron Tacones Lejanos (de Almodóvar) ou Mar adentro (de Amenábar), destacando así mesmo, entre a multitude de colaboracións cos músicos máis importantes do panorama nacional como Miguel Ríos, a súa presenza no disco “A Irmandade das estrelas” de Carlos Núñez, coa interpretación de Negra Sombra, unha canción que mantén xa intimamente ligada a letra de Rosalía coa súa voz, e que aínda cobrou especial protagonismo este mesmo ano na entrega dos premios Goya.
É de destacar ademáis, o seu compromiso como galega no ámbito da dinamización social e local, coa organización anual do “Festival da luz” no seu pobo natal de Boimorto (A Coruña), un festival que non só é música, senón que ten entre os seus obxectivos fundacionais o da colaboración con moi diversas causas solidarias, causas que ten axudado a financiar dende a súa creación no ano 2012.
O Padroado da Fundación Curros Enríquez reuniuse coa presenza de representantes do Concello de Celanova, do Consello da Cultura Galega, da Deputación Provincial de Ourense, da Real Academia Galega, da Universidade de Vigo e outros patróns a título individual, co fin de aprobar as contas e actividades de 2021, planificar as actuacións para 2022 así como acordar o orzamento anual que aportan en distintas proporcións algúns dos patróns institucionais como o Concello de Celanova, a Deputación Provincial de Ourense a Consellería de Cultura, Turismo e Universidade. Con esta reunión tamén se renova o compromiso de colaboración na organización de actividades conxuntas a nivel expositivo ou de promoción dos autores de Celanova por a parte de aqueles patróns que non aportan cantidades concretas ó orzamento ordinario da Fundación como o Consello da Cultura Galega, a Real Academia Galega e Universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo.
Como valoración do ano 2021, destacouse ás máis de 7.500 persoas atendidas pola Fundación Curros Enríquez, resultado motivado nas actividades e servizos que a entidade desenvolveu en diversos lugares como son a Casa dos Poetas, o Mosteiro de San Rosendo e a Torre de Vilanova dos Infantes e que se aproximan ós resultados de antes da pandemia. Destacando en especial a recepción de case un cento de grupos concertados entre escolares, asociacións e axencias de viaxe.
A Fundación Curros Enríquez organizou actos ou actividades en conmemoración do 170 aniversario do nacemento de Manuel Curros Enríquez e do 140 aniversario da publicación de “Aires da miña terra”. A Casa dos Poetas acolleu exposicións, presentacións de libros, conferencias e proxeccións que enriqueceron a proposta cultural da vila ó longo de todo 2021 pese as restriccións de público e do mes e medio que a casa museo tivo que permanecer pechada por indicacións sanitarias. A mesma liña de actividades vaise manter para o 2022 no que novamente se realizarán presentacións de libros, acolleranse exposicións temporais, terán lugar celebracións de eventos relacionados co mundo literario, musical e audiovisual e de actividades para os máis pequenos da vila como obradoiros.
Durante este ano prevese recuperar o número de visitantes que rondaba os 10.000 anuais, do cal é unha mostra os 38 centros escolares que xa teñen soicitada a súa participación no programa “Ven coñecer a Celanova de Curros e Celso Emilio”. Pensando nos escolares, ademais do crecente interese polas actividades de natureza como é a realización de roteiros, prevese que en 2022 se redefina e sinalice a “Ruta Currosiana” cuxo trazado se vira afectado tras a construción da autovía. Tamén se tomará un ímpulso na edición da obra de Manuel Curros Enríquez para a súa divulgación, se colaborará en diversos actos do 50 cabodano de Pepe Velo e preparase unha exposición sobre os celanoveses que levan a vila por bandeira e cos que poderemos comprobar que Celanova estivo e está presente nos cinco continentes realizando interesantes aportacións en moitos casos ademáis.
Fundación Curros Enríquez