A Miteu regresa co reto de devolver a maxia do teatro ao público

Olga Mojón, directora do Teatro Principal, sinalou pola súa banda que esta mostra “é unha actividade primordial dentro da cidade de Ourense” poñendo en valor o seu carácter universitario. Do mesmo xeito, Rosendo Fernández, vicepresidente da Deputación de Ourense, subliñou como a Miteu “é un clásico da cultura de Ourense e de Galicia”, destacando o seu papel como “plataforma cultural”. Por último, Manuel Freire, técnico de Cultura do Concello de Ourense, lembrou como este certame é “un privilexio para Ourense”.
Diversidade de procedencias, temáticas e formatos
Fernando Dacosta, director da mostra desde Sarabela Teatro e coordinador das aulas de teatro do campus de Ourense, foi o encargado de detallar as características desta edición. Nela participarán compañías, a metade universitarias e a outra metade profesionais, de España, Portugal, Guinea Ecuatorial, Arxentina e Italia. Do marco estatal estarán compañías galegas pero tamén de Andalucía, Castilla y León, Navarra, Euskadi, Catalunya, Comunitat Valenciana e Madrid. As actuacións repartiranse por diferentes escenarios da cidade das Burgas, como as prazas do Auditorio e da Biblioteca Pública, o Teatro Principal e o Liceo, ademais de animacións de rúa. Como novidade, esta edición inclúe tres percorridos polo “Ourense invisible” nos que se desenvolverán “accións festivas-reivindicativas” en espazos máis descoñecidos da cidade, como a Praza Manuel Sueiro, o Xardín das Burgas e a contorna do Posío. Haberá, indicou Fernando Dacosta, teatro de actor e actriz, de rúa e infantil, pero tamén circo, clown, música e graffiti. En canto ás temáticas, nas pezas abordarase desde a igualdade e as migracións ata reflexións arredor “do que somos, o que sentimos, o que nos emociona e das relacións entre as persoas”.
“Para nós sempre é unha alegría inmensa presentar unha nova edición da Miteu e máis nestas condicións, que xa sabedes que son complicadas”, dixo Fernando Dacosta, que amosou o seu desexo de que a situación sanitaria permita que a Miteu volva a celebrarse o vindeiro ano nas súas datas habituais, en abril/maio. Desta edición, indicou que “ademais de ver os espectáculos” é importante aproveitar o confluír de compañías de teatro universitario e profesional e as arredor de 150 persoas do sector que participarán para falar dos procesos creativos e das cuestións de interese para as artes escénicas. O director da Miteu animou ao público a asistir ás representacións lembrando que o teatro permite “ter a posibilidade de vivir outros mundos” e que “cando imos a espectáculos en comunidade, tan necesitados como estamos hoxe en día deles, hai cousas que nos transforman, das que aprendemos, que nos emocionan...” e que “quedan na nosa memoria e da que nos rodean”.
Actuacións das aulas da UVigo
Como xa é tradición, a Miteu contará coa participación das diferentes aulas escénicas da Universidade de Vigo. Seguindo a dinámica de anos anteriores, a 26 edición do certame arrancará o xoves 1 de xullo coa actuación da Aula Universitaria do Campus de Ourense Rosaura, o seu primeiro nivel, que estreará o espectáculo de rúa A tempo na praza da Biblioteca Pública. O venres 2 tomaralle o relevo, xa no Teatro Principal, o segundo nivel destas aulas, Cordelia, que representará para o público Ata aquí Orlando. Neste mesmo escenario actuará o mércores 7 a Aula de Teatro do Campus de Vigo coa obra Tic tac e o domingo 11 a Aula Universitaria de Teatro Infantil do Campus de Ourense Geppetto, coa peza Coñecendo a Pippi. Maricastaña, o terceiro nivel das aulas teatrais universitarias de Ourense, pechará a programación da mostra, representando no Teatro Principal Aínda que siga brillando a lúa o mércores 14 e o xoves 15, neste último caso na clausura da Miteu. Por último, a mostra tamén dará espazo á danza cunha sesión o venres 9 titulada Proxecto Ser Con e Aula de Danza do Campus de Ourense.
Debido á situación sanitaria o aforo dos espazos estará limitado segundo as características de cada un e en función do cumprimento da normativa correspondente. As actuacións no Teatro Principal terán un coste de tres euros e nos demais espazos serán de balde, estando as entradas á venda para todos os días desde o arranque do certame.
Universidade de Vigo