'A Emperadora' abre con 'forza' o XXVII Festival de Teatro Universitario

O programa de representacións do festival de teatro universitario de Lugo retomará as funcións o próximo luns 19 de abril, cando a compañía Teatro El Mayal da Universidade de León poñerá en escena ‘Sweet Jane’, baixo a dirección de Javier R. de la Varga. Ao día seguinte, a compañía de teatro USC-Santiago que dirixe Roberto Salgueiro, botará o pano das funcións previstas no festival de teatro con ‘A casa da forza 2, 52-58’.
As persoas interesadas en poder asistir como público poden solicitar de balde xa as entradas, a través do enderezo de correo electrónico cultura.lugo@usc.es. Os aforos de cada función estarán determinados pola normativa sociosanitaria vixente e a reserva de entradas poderá facerse vía telemática ata as 12.00 horas do día de cada función e tamén na entrada do auditorio.
Obradoiro de voz
O académico de Artes Escénicas e catedrático emérito da Real Escola Superior de Arte Dramática de Madrid, Vicente Fuentes, impartirá desde este xoves ata o sábado 18 de abril o obradoiro ‘Da palabra ao canto, do canto á palabra’. As sesións deste curso desenvolveranse na Aula de Teatro e Danza do Campus de Lugo (Facultade de Veterinaria) en quenda de 9.00 a 13.00 horas e de 15.00 a 18.30 horas. O número de prazas está limitado a un máximo de 10 participantes. As persoas interesadas aínda poden formalizar a súa matrícula a través do enderezo de correo electrónico cultura.lugo@usc.es.
Outra das actividades complementarias promovidas ao abeiro do XXVII Festival de Teatro Universitario de Lugo é o concerto de Verto, unha cita musical programada para o 21 de abril, a partir das 20.00 horas no ‘Gustavo Freire’, que servirá de peche. Esta nova cita coa música galega virá precedida dunha breve sesión das marionetas elaboradas no taller impartido por Marga Portomeñe nos espazos de formación promovidos pola Área de Cultura da USC na sede universitaria luguesa.
Universidade de Santiago de Compostela