Os Premios Martín Códax da Música Galega desafían a Covid-19 e celebran con éxito a súa sétima edición
pola web dos Premios e a través da páxina de La Voz de Galicia. A gala estivo conducida pola actriz e cantante Inés Salvado Gontad e o encargado da dirección musical foi o saxofonista e gaiteiro Pedro Lamas. Como director artístico da mesma exerceu o actor e dramaturgo Gustavo Dieste.
En representación das entidades patrocinadoras dos Premios da Música Galega Martín
Códax, asistiron a Directora de Marketing das Bodegas Martín Códax, María Garrido, a
concelleira de Cultura do Concello de Pontevedra, Carmen Fouces, o Director da
AGADIC, Jacobo Sutil, e en representación da Deputación de Pontevedra contaron con
Victoria Alonso, deputada da Área de Cultura e Gregorio Agif, de Promoción Económica.
Entre os e as artistas que se fixeron co galardón, especial mención á Banda de Música de
Merza, que estreou nova categoría.
Como nas primeiras edicións do certame a categoría de Música Tradicional e Folk desdobrouse en dúas, resultando premiado Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre na de Música Tradicional e Caldo na categoría de Música Folk.
Unha edición onde se reafirmou a forza das mulleres na música galega, resultando
premiados proxectos como o de Guadi Galego, Carla Green & The Demons, Silvia Penide ou Najla Shami, por mencionar tan só algúns deles.
"Estamos aquí!”
No seu discurso final, a xunta directiva de Músicas ao Vivo, ademais de salientar o
agradecemento ás e aos participantes, patrocinadores, colaboradores, socias e socios de
Músicas ao Vivo e ao xurado, quixo deixar clara a súa reclamación pola desprotección
social e laboral endémica que sufre o sector, e que se veu reforzado pola actual crise
sanitaria.
Recalcaron a "precaria situación á que moitas e moitos músicos se ven abocados polas
cancelacións de última hora, as reducións de aforo desmesuradas ou o peche de locais de música ao vivo" entre outras eivas ás que se ven sometidos e sometidas.
Dende Músicas ao Vivo solicitan, entre outras medidas, que “as Administracións manteñan un firme compromiso coa cultura este ano e os vindeiros, coas partidas orzamentarias asignadas e respetando os compromisos adquiridos”. Salientaron a urxente necesidade dunha “prestación extraordinaria por cese de actividade para os músicos e músicas autónomas” que se adapte á singularidade laboral destes/as profesionais, e a necesidade de rebaixar o ive cultural en toda a súa cadea de valor.
Moita música e moito humor
A encargada de abrir a noite, como non podía ser doutro xeito, foi a música. Da man do director musical Pedro Lamas, melodías con aires medievais e interpretadas polo sexteto armado para a ocasión, deron paso a Inés Salvado Gontad, presentadora da gala que en clave de humor informou aos asistentes das medidas sanitarias e de como proceder para recoller os premios.
Unha gala dinámica e fluída, cargada de emoción por parte dos premiados por facerse co premio nunha edición tan atípica.
A noite pechouse co momento sempre especial que supón a entrega do Premio Honorífico, que nesta edición se lle outorgou a María Manuela.
Proxectos premiados nas categorías musicais
-Proxecto destacado Galego de Blues, Funk e Soul: Carla Green & The Demons
-Proxecto destacado Galego de Canción de Autor/a: Silvia Penide
-Proxecto destacado Galego de Metal: Broa
-Proxecto destacado Galego de Electrónica: Músculo!
-Proxecto destacado Galego de Jazz e Músicas Improvisadas: Manuel Gutiérrez Trío
-Proxecto destacado Galego de Música Tradicional: Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre
-Proxecto destacado Galego de Rock: Agoraphobia
-Proxecto destacado Galego de Pop e Indie: Guadi Galego e a Banda Somerxida
-Proxecto destacado Galego de Bandas de Música Popular: Banda de Música de Merza
-Proxecto destacado Galego de Música Infantil: Magín Blando e a Banda das Apertas
-Proxecto destacado Galego de Músicas do Mundo: Najla Shami
-Proxecto destacado Galego de Música Folk: Caldo
-Proxecto destacado Galego de Orquestras, Grupos e Música de Verbena: América de Vigo
-Proxecto destacado Galego de Música Clásica e Contemporánea: Taller Atlántico Contemporáneo (TAC)
-Proxecto destacado Galego de Reggae, Ska e Mestizaxe: High Paw & Elephants Yard
-Proxecto destacado Galego de Coros e Grupos Vocais: Coro Cantabile
-Proxecto destacado Galego de Músicas Urbanas: Laura Lamontagne & Picoamperio
Premios Organistrum
-Salas: Naútico
-Festivais: Festival Agrocuir da Ulloa
-Proxectos de comunicación e difusión musical: Músicas Galegas Ilustradas
Premios Martín Códax da Música Galega