O artista Mauro Trastoy gaña do Premio Díaz Pardo de artes plásticas
O xurado valorou a calidade da obra presentada e titulada "7" e, de maneira especial, como esta é resultado dunha singular investigación e experimentación con técnicas relacionadas coa trama e a urda e o quefacer artesanal para facer unha pintura sen pintura, a partir de xestos mínimos e unha incidencia no proceso e na repetición do motivo. A obra, de lá branca sobre arpilleira branca, "consigue renovar a tradición da pintura reivindicando ao mesmo tempo as nosas tradicións artesanais". O artista natural de Ferrol, recibirá un premio de 6.500 € e a súa obra participará xunto coas finalistas na exposición itinerante organizada pola Deputación da Coruña que visitará dez concellos da provincia. Ademais, a Deputación da Coruña destina nesta convocatoria un orzamento dun total de 25.000 € para a compra de obras seleccionadas.
Mauro Trastoy é un dos nomes máis recoñecidos da arte contemporánea galega e a súa obra expúxose en distintas mostras individuais e colectivas. Artista e deseñador gráfico, coa súa obra cuestiona as fronteiras entre arte, artesanía e deseño. Nos últimos tempos, un dos principais ámbitos de traballo de Trastoy céntrase no contacto e a experimentación cos propios materiais.
Licenciado en Belas Artes pola Universidade de Salamanca, o artista participou nunha estadía en Künsthochshule de Kassel e no Kulturmodell de Alemaña, ademais de ser artista en residencia da Fundación Granell.
Deputación da Coruña


