Entregados os premios de investigación 'Valentín Paz Andrade' en economía de Galicia e 'Jesús García Calvo' en desenvolvemento rural

Na mesma sesión tamén se entregou o Premio ‘Valentín Paz Andrade’ de investigación en Economía de Galicia, convocado conxuntamente polo IDEGA e o Consello Económico e Social con dúas modalidades: tese de doutoramento e traballos publicados en revistas científicas ou en editoriais recoñecidas. Na primeira resultou premiado Francisco Cebreiro Ares co traballo ‘Circulación monetaria e crédito en Galicia ao final do Antigo Réxime’. O xurado destacou “a relevancia do obxecto de estudo, a orixinalidade do enfoque e o rigor metodolóxico, abordando un tema escasamente analizado ata agora e sobre o que esta tese fai unha contribución sobresaliente”.
Na modalidade de traballos en revistas ou editoriais, recoñeceuse o traballo de Xosé A. Rodríguez, Fidel Martínez Roget e Pilar González-Murias, co artigo ‘Length of stay: evidence from Santiago de Compostela’ publicado na revista Annals of Tourism Research. Na concesión, o xurado destacou “o carácter novidoso do traballo e a súa exhaustividade, cunha rigorosa análise estatística que permite tirar conclusións relevantes para o deseño da política turística na área de Santiago de Compostela”.
Na entrega de premios, presidida polo reitor Antonio López, participaron a presidenta do Consello Económico e Social de Galicia, Corina Porro Martínez; o presidente da Fundación Feiraco, José Montes Pérez; e o director do IDEGA, Alberto Meixide Vecino.
Con anterioridade á entrega protocolaria de premios, o profesor Edelmiro López Iglesias presentou o relatorio ‘As transformacións socioeconómicas de Galicia nos último medio século: un proceso histórico á espera dun relato’. O profesor López advertiu da falta dunha interpretación do sucedido nas últimas décadas en Galicia en relación á súa realidade socio económica. Na súa opinión a falta dun relato global que sintetice os cambios acontecidos “aboa o terreo para que sigamos prisioneiros de relatos antigos e que perduren imaxes xa superadas que idealizan o pasado ou traen visións tópicas”. Para acadar ese relato o profesor Edelmiro López apelou á necesidade de “poñernos de acordo sobre os feitos”, en canto “un relato compartido sobre pasado e presente é a base dun proxecto colectivo de futuro”.
Universidade de Santiago de Compostela