A Biblioteca Virtual de GaliciaDigital ten xa 91 títulos
Coa incorporación desta semana, a BIBLIOTECA VIRTUAL DE GALICIADIGITAL ten xa 91 títulos de temática diversa, postos gratuitamente ao dispor dos internautas.É unha iniciativa da Plataforma en Internet GaliciaDigital, que na súa páxina principal difunde os contidos desta Biblioteca Virtual, destinada a publicar obras de temática diversa, tanto publicadas como inéditas para ofrecelas a un público ao que poden interesar, que doutro xeito non tería acceso a elas.
No caso de obras inéditas, facilítase aos autores de xeito gratuíto a súa publicación, moitas veces da súa “ópera prima”, para achegarse aos lectores e poder recibir comentarios e xuízos sobre o seu traballo creador ou investigador.
En canto ás obras xa editadas, poden estar esgotadas, ou ser de difícil localización xa por tirada limitada, xa por deficiente distribución , ofrecendo aos seus autores este complemento ou alternativa para dar a coñecer as súas obras.
A intención é seguir facilitando gratuitamente esta publicación íntegra a todos os autores que o desexen, podendo os interesados poñerse en contacto con GaliciaDigital no enderezo correo@galiciadigital.com.
Entre as últimas incorporacións a esta Biblioteca están VIVIMOS UNHA LONGA TRAXEDIA, de Manuel Rodríguez López, CRÓNICAS DEL ALBA, de Joaquín Antuña, DE PURA CERNA, de Xosé María Gómez Vilabella, e ADEUSES A XOSÉ MANUEL CARBALLO, co compendio de obituarios que a través das páxinas de GaliciaDigital despediron a este singular crego, escritor e ilusionista lucense.
GaliciaDigital


