O xornalista Xulio Xiz recibe a Medalla de Ouro de Vilalba pola súa traxectoria
A corporación municipal de Vilalba decidiu por unanimidade concederlle a Medalla de Ouro da vila ao xornalista chairego Xulio Xiz, que recibiu esta distinción nun acto público celebrado o venres 29 de decembro no auditorio Carmen Estévez da capital da Terra Chá.O evento contou coa participación de numerosas persoalidades da vida cultural de Vilalba, así como de agrupacións musicais como a Coral Polifónica de Vilalba, a Banda de Música de Vilalba e o Orfeón Lucense. Este acto implicou un sentido recoñecemento público aos anos de adicación de Xulio Xiz considerado un gran dinamizador da cultura na súa vila natal. A entrega da Medalla de Ouro do Concello de Vilalba a este xornalista valora toda unha vida adicada a colaborar e organizar miles de actos e homenaxes, presentador e mantedor de diversos eventos, e membro do xurado do Certame Literario do Excmo. Concello de Vilalba desde a súa orixe.
Coa emoción desta distinción, que recibiu de mans do alcalde Agustín Baamonde, o xornalista Xulio Xiz agradeceu o galardón e, ademáis de reivindicar a súa amizade con Vilalba, manifestou o seu compromiso con este pobo "que tanto me deu". As súas palabras xiraron en torno a "unha declaración de amor" cara esta vila que o viu nacer e da que agora recibe a súa gratitude a xeito deste recoñecemento.O acto rematou coa interpretación da canción "O carro" nunha colaboración especial da Coral Polifónica de Vilalba, a Banda de Música de Vilalba e o Orfeón Lucense.
Fotografías: Carlos Rodríguez Arias.
GD


