A Cidade da Cultura acolle a divulgación e reflexión sobre a innovación educativa
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Fundación Galicia Sustentable celebran na Cidade da Cultura de Galicia o 1 de decembro ‘InquEDU: Falemos de Educación’, unha xornada para compartir iniciativas, divulgar ideas e fomentar o debate a reflexión sobre propostas educativas innovadoras. Neste espazo, dirixido a educadores, escolares e familias, daráselle visibilidade a proxectos pedagóxicos para abordar a diversidade sexual e a cuestión de xénero na escola, ademais de iniciativas baseadas na música, nos idiomas ou no reforzo da presenza da lingua galega nas aulas.A xornada ‘InquEDU’ celebrarase no Edificio CINC do Gaiás e dividirase en dúas partes. A quenda da mañá é de carácter pechado para as rapazas e rapaces dos centros educativos gañadores do concurso escolar para impulsar as competencias orais activas ‘ComunicaTedu’; mentres que a da tarde é aberta, con asistencia de balde para todos os públicos, previa inscrición na páxina web http://inquedu.galiciasustentable.org/.
Deste xeito, os estudantes participantes da mañá, ademais de expoñer os seus respectivos proxectos gañadores, poderán coñecer da man de Mark Wiersma, mestre de idiomas e música, a ópera pop futurista que irmanda galego e inglés ‘Sira e Robot’, un achegamento lúdico e didáctico ao inglés de interese para escolares e tamén para persoas adultas. Nestas actividades pechadas tamén participa o coñecido músico Roi Casal, dentro das charlas denominadas ‘Edumotiva’.
A diversidade sexual nas aulas O programa en aberto da tarde comeza coa presentación do evento por parte de Paco Castillo, docente e investigador, que ademais tirará proveito desta xornada para afondar na paisaxe coma obxecto de ensino e aprendizaxe. Seguiralle a charla de Cristina Palacios que leva por título ‘Escola sen armarios’. Esta traballadora social e docente abordará como transformar as escolas para que sexan espazos seguros cara a diversidade sexual. A continuación Lola Ferreiro Díaz, doutora en medicina e especialista en educación, saúde e perspectiva feminina, abordará a coeducación global na familia e na escola.
A variada programación da xornada da tarde permitirá coñecer o “Proxecto educativo Semente Compostela” da man do educador e activista Sechu Sende, que virá a amosar os resultados obtidos con esta iniciativa, impulsada hai cinco anos por unha comunidade de familias e persoas colaboradoras co obxecto de reforzar a galeguización das xeracións máis novas.
Tras o faladoiro “A ilusión dun cambio”, a cargo de Laura Adela Fernández Blanco, profesora do CPI de Atios, Valdoviño, e da intervención de Juan Sanmartín para contar en que consiste o ‘Flipped Classroom’, a xornada clausurase co obradoiro de divulgación, con alta dose de show didáctico, de Vicente Mohedano que forma parte do proxecto Peripeciencia.
O programa ‘InquEDU’ tamén conta como actividade complementaria as charlas e presentacións, coa exposición ‘Somos paisaxe’, cedida para este día pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e que poderá verse ao longo de toda a xornada no edificio CINC.
Na páxina web da Cidade da Cultura –www.cidadedacultura.gal– cóntase con toda a información polo miúdo sobre o programa da xornada e tamén sobre onde poder facer a inscrición nas charlas e actividades abertas ao público.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia


