A obra de Carlos Casares centra o XIV Curso A Literatura Infantil e Xuvenil. Relacións Texto-Imaxe
A obra do autor homenaxeado polas Letras Galegas 2017, Carlos Casares, centra o XIV Curso de Formación “A Literatura Infantil e Xuvenil. Relacións texto-imaxe”, que se celebrará o próximo novembro baixo o título “Literatura e memoria: Carlos Casares no ensino”. As entidades convocantes desta acción formativa son o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades da Consellería de Cultura e Educación, o Grupo de Investigación LITER21 pertencente ao Instituto de Cinecias da Educación (ICE) da Universidade de Santiago e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG).O curso celebrarase na capital de Galicia: o día 10 de novembro na sede Ramón Piñeiro e o 11 de novembro na Biblioteca Afundación. O prazo de matrícula está aberto xa ata o 9 de novembro e toda a información dispoñible no Portal da Lingua Galega (www.lingua.gal).
Formación para a comprensión lectora
Baixo a dirección das profesoras Blanca-Ana Roig Rechou (directora do proxecto de Literatura Infantil e Xuvenil do Ramón Piñeiro) e Ana María Porto Castro, o curso abordará a faceta de Carlos Casares como educador e escritor de literatura infantil e xuvenil, co obxectivo de salientar a importancia deste autor na formación lectora no ensino infantil, primario e secundario e demostrar que a súa obra é imprescindible na planificación lectora.
A organización do curso “A Literatura Infantil e Xuvenil. Relacións texto-imaxe” chama a atención sobre o feito de que a formación ofertada ne lestá xeralmente excluída, ou pouco ofertada, nos planos de estudo dos graos, malia a súa transcendencia en ámbitos básicos como a formación e comprensión lectora e escrita.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia


