Cultura e Educación convoca os clubs de lectura para o curso 2017/18

Á hora de seleccionar os centros valoraranse as iniciativas destinadas a impulsar a lectura de textos en lingua galega e que busquen contribuír a un maior vínculo das mozas e mozos coa lingua e a literatura galegas. Así mesmo, primaranse as que fomente a participación nos grupos de lectura de varóns, co fin de contrarrestar os estereotipos de xénero nesta materia. Así mesmo, serán valoradas de forma especial as propostas que impulsen a participación do alumnado con necesidades específicas de apoio educativo.
Poderán presentar solicitude aqueles centros que inclúan un club de lectura na programación de actividades da biblioteca e que o inclúan na Programación Xeral Anual do centro para o curso 2017/18 ou, no seu defecto, que o comuniquen ao claustro e ao consello escolar no presente ano 2017.
11.000 participantes
Os clubs de lectura funcionan como grupos de dinamización a prol da lectura nas comunidades educativas e como ámbitos de aprendizaxe de competencias clave para a vida. Asemade, ao implicar a diferentes membros da comunidade, son espazos para a convivencia e a educación cidadá; ao mesmo tempo que son útiles para incorporar á lectura a mozos e mozas que presentan pouco interese por este hábito. Os clubs estanse demostrando, así mesmo, útiles para mellorar a autoestima e as habilidades sociais e de lectura do alumnado con dificultades específicas de aprendizaxe.
Por outra banda, nestas reunións adoitan introducirse as tecnoloxías da comunicación e a lectura dixital, así como as relacións con outros clubs, con bibliotecas públicas ou con entidades culturais do entorno máis próximo.
No curso 2016/17 participaron nos clubs de lectura máis de 11.000 lectoras e lectores, vinculados a 243 centros educativos.
Cómpre sinalar, ademais, que o Plan LÍA 2016-2020 de bibliotecas escolares contempla como ámbitos de actuación para este período varios desafíos, entre eles o denominado Máis e mellores experiencias lectoras, que recolle entre as súas medidas a continuidade da convocatoria dos clubs de lectura, así como o deseño e posta en marcha de iniciativas destinadas a promover a lectura entre os denominados grupos de risco (adolescentes e varóns, fundamentalmente), así como entre o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia