As Lecturas poéticas en Fonseca, no mes das Letras Galegas, homenaxean ao escritor Fran Cortegoso

As ‘Lecturas poéticas en Fonseca’, que teñen lugar o mércores 10 de maio ás 19.00 horas na Biblioteca América nun acto público ata completar aforo, naceron coa vontade de consolidar a comunidade de escritores e lectores vinculados á universidade. Nesta edición contará coa presenza de voces recoñecidas da literatura galega contemporánea, que lerán poemas propios e do poeta homenaxeado.
Así, participarán Teresa Moure e Carlos Quiroga, profesores da Facultade de Filoloxía, aos que se sumarán as voces emerxentes de Laura Camino e Gisella Costas, ambas galardoadas no Certame Mazarelos, ou José Carlos Cómitre, membro do persoal de administración e servizos do centro e destacado representante da vizosa tradición da poesía andaluza.
Recitarán asemade dous poetas moi vinculados a Fran Cortegoso: a poeta Olalla Cociña, que obtivo o prestixioso premio de poesía Afundación na súa última edición, e Antón Lopo, novelista e editor do derradeiro libro de Fran Cortegoso. Ao final do acto, a cantante Alba María Rodríguez dialogará musicalmente cos versos do poeta.
O recital emitirase en directo por USC TV que, de ser necesario, fará unha proxección audiovisual no claustro de Fonseca.
Gabinete de Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela