O Consello da Cultura Galega debate sobre o patrimonio compartido: colaboración aberta e institucións da memoria

Nestas xornadas tentaremos abordar algunhas das cuestións esenciais que esta modalidade de traballo voluntario, habitualmente gratuíto, masivo, comunitario e anónimo suscita para a xestión futura das nosas institucións e do patrimonio cultural que custodian.
Así, se, por unha banda, a colaboración aberta (con todas as súas variantes e modalidades) constitúe a oportunidade que agardabamos para sensibilizar e abrir os nosos centros á participación e ao gozo activo da cidadanía, por outra, ao esvaecer aínda máis as fronteiras existentes entre institucións e países, e entre ambos os dous e aqueles no nome dos cales nominalmente existen, non deixa de formular algúns interrogantes.
Un deles pode ser a perda do poder de control que supón o monopolio da custodia e da interpretación dos bens culturais. Algo que pode provocar temor entre os seus intermediarios custodios. Outro sería o do límite entre o traballo remunerado, exercido por profesionais, e o gratuíto, desenvolvido polo voluntariado. A colaboración aberta non constitúe unha arma en poder das administracións para aparcar as súas responsabilidades con respecto a uns centros que subsisten en precario?
Naturalmente, hai moitos máis. Ao seu carón, existen numerosas cuestións técnicas, estratéxicas e de enfoque. Cuestións como a dos lindes entre a iniciativa pública e a privada ou, tamén, a das formas de involucrar os centros culturais de pequeno tamaño e reducidos orzamentos en grandes proxectos de carácter transversal. Isto atinxe tamén á creación de proxectos sustentables.
Hai tamén experiencias e casos de éxito que convén analizar e debater. Queremos exploralos nunhas xornadas que conciten non soamente o interese e o debate entre os especialistas senón tamén a opinión dos responsables de calquera iniciativa, por cativa que sexa, que estea a agromar ou a consolidarse tanto no territorio real coma no virtual da web 2.0.
Gabinete de Comunicación do Consello da Cultura Galega (CCG)