A exposición 'Cela. O eloxio do viño dun Nobel' aborda a relación do escritor co mundo da vinicultura

Ata o 18 de xuño, a exposición, comisariada por Ceres Serea, poderá visitarse en Arbo, nas instalacións da Moireira de Bodegas Marqués de Vizhoja, onde tivo lugar hoxe a inauguración. Durante o acto, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, salientou o interese do proxecto para dar a coñecer entre a cidadanía as diversas facetas do escritor padronés, así como para a difundir a súa obra desde perspectivas diferentes.
Así mesmo, o secretario xeral agradeceu a implicación de Marqués de Vizhoja na celebración do centenario de Cela, que, segundo recordou, contou coa colaboración de numerosas institucións públicas e tamén privadas. Tamén interviron no acto de inauguración o presidente de Marqués de Vizhoja, Jorge Peláez, e o alcalde de Arbo, Horacio Gil.
“O eloxio do viño”
A partir de “O eloxio do viño”, título empregado por Cela en varias das súas creacións dedicadas a gabar as múltiples calidades dos produtos extraídos da vide, a exposición ofrece unha análise dos distintos aspectos nos que a cultura do viño inflúe na sociedade da súa época, poñendo como exemplo vivencias do propio autor.
Plumas estilográficas de Cela, uns anteollos do escritor e unha réplica en bronce da man dereita do premio Nobel son algunhas das pezas que conforma a exposición, unha iniciativa que se enmarca na ampla programación de actividades que ao longo de 2016, e con continuidade neste ano, se veñen realizando para conmemorar o centenario do nacemento do premio Nobel galego.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia