Agadic colabora cos premios de teatro María Casares, que se entregan o 29 de marzo na Coruña

O director da Agadic, Jacobo Sutil, e o presidente da AAAG, Ernesto Chao, asinaron hoxe o convenio de colaboración polo que a Xunta de Galicia contribúe á realización de diferentes accións promocionais relacionadas coa convocatoria destes galardóns. O seu punto culminante será a cerimonia durante a que se coñecerán os gañadores e gañadoras nas catorce categorías ás que optan 13 espectáculos, ademais de facerse entrega do Premio de Honra Marisa Soto ao director teatral e dramaturdo Eduardo Alonso.
Desde a súa primeira convocatoria, os Premios María Casares téñense convertido nunha das citas anuais de referencia para a escena galega, funcionando como espazo de encontro para os profesionais do sector, foro social para o recoñecemento do seu labor e plataforma de proxección pública do seu traballo tanto dentro como fóra de Galicia.
Finalistas
Entre os finalistas desta edición, á que se presentaron candidaturas de 44 espectáculos e preto de 400 profesionais, ‘O tolleito de Inishmann’, de Contraproducións co FIOT Carballo, destaca como o espectáculo con maior número de candidaturas (11). Pola súa banda, ‘Eroski Paraíso’, de Chévere, aspira a oito galardóns, e ‘Raclette’, de Ibuprofeno Teatro, a cinco. Estas tres producións dispútanse os apartados á mellor espectáculo e dirección.
‘Voaxa e Carmín’, de ButacaZero, opta a levar cinco xerras María Casares; ‘Foucellas’, de Talía Teatro, competirá en tres modalidades, e as montaxes ‘A nena que quería navegar’, de Redrum Teatro, e ‘Os amores de Jacques o fatalista’, de Producións Teatráis Excéntricas, farano en dúas. Finalmente, optan a un galardón ‘Xurdefet (Jour de Fête)’, de Berrobambán; ‘Pavillón Lino’, de Caramuxo Teatro; ‘Tartufo’, do Centro Dramático Galego (para Cesar Cambeiro na modalidade de mellor actor protagonista); ‘Get Back’, de Eme2 Producións; ‘Danza da choiva’, de Elefante Elegante, e ‘Os Rockenstein’, de Malasombra Producións.
Fotografía: archivo GD / AAAG / Xunta de Galicia.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia