A AAAG homenaxea a Eduardo Alonso ao concederlle o Premio de Honra Marisa Soto

A directiva da AAAG, encargada de outorgar este galardón, recoñece así o labor de Eduardo Alonso ao longo de máis de corenta anos de profesión artística. Neste sentido, a Xunta Directiva da AAAG agradécelle a Alonso o seu destacado papel na profesionalización do teatro galego, proceso no que exerceu un rol imprescindible na fundación do Centro Dramático Galego, sendo un dos seus máximos impulsores e o seu primeiro director. Ademais, a Xunta Directiva da AAAG celebra o traballo que Eduardo Alonso exerceu en Teatro do Noroeste, compañía que sempre apostou pola incorporación de novos valores e deu a oportunidade de estrearse nas tábaos a un gran número de profesionais.
Os Premios de Teatro María Casares celebran neste 2017 a súa 21ª edición. Este ano, trece son os espectáculos finalistas que se disputarán os galardóns nas catorce categorías nas que se dividen os premios. O tolleito de Inishmaan, de Contraproducións e FIOT Carballo, aspira a levar 11 premios; Eroski Paraíso, de Chévere, competirá por 8 galardóns, mentres que Voaxa e Carmín, de ButacaZero, e Raclette, de Ibuprofeno Teatro, optan a 5 premios. Os Premios de Teatro María Casares contan co apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic-Xunta de Galicia), o Concello da Coruña, a Deputación da Coruña, o Padroado da Cultura do Concello de Narón, a Fundación SGAE e a Fundación AISGE.
BIOGRAFÍA EDUARDO ALONSO
Nacido en Vigo en 1948, Eduardo Alonso é un referente para sector teatral galego, no cal xogou un papel de gran relevancia no seu proceso de profesionalización. Enxeñeiro técnico naval pola Escola de Enxeñeiros Técnicos de Ferrol e licenciado en Ciencias da Imaxe e Xornalismo pola Complutense, Alonso dedicou a súa vida profesional á escena, exercendo principalmente como director, dramaturgo e iluminador. Iniciou a súa andaina nas artes escénicas ao longo dos setenta ao implicarse na creación de diversas compañías. Así fundou grupos como Teatro Zoo de Madrid (1970), Teatro Andrómena (1979), Teatro do Estaribel (1980-1981) ou Teatro do Noroeste, compañía histórica de Galicia que vén de celebrar neste 2017 o seu trixésimo aniversario.
Alonso, ademais, converteuse no primeiro director do Centro Dramático Galego (CDG). En 1984, a instancias de Luís Álvarez Pousa, director xeral de Cultura da Xunta naquela altura, elaborou un proxecto para a creación da institución de teatro público que vería a luz ese mesmo ano, coas obras fundacionais do Woyzeck, dirixida por Xúlio Lago, e Agasallo de sombras, de Roberto Vidal Bolaño. Esas foron as dúas primeiras obras dun CDG acabado de nacer e o cal Alonso dirixiu entre 1984 e 1986. No CDG, Alonso dirixiu un total de seis producións, levando á escena clásicos teatrais universais como son Os vellos non deben de namorarse (Castelao,1985), O enfermo imaxinario (Molière, 1986), As alegres casadas (1989), Un soño de verán (William Shakespeare, 1992), Lisistrata (Aristófanes, 1997) ou A cacatúa verde (Arthur Schnitzler, 2001).
En 1987, Eduardo Alonso fundou xunto a actriz Luma Gómez a compañía Teatro do Noroeste, que estreou como primeira montaxe Medea. Despois desa produción, chegaron outros 35 espectáculos e máis 1.250 funcións. Entre as montaxes que realizaron ao longo destas tres décadas, cómpre destacar a adaptación de títulos tan afamados como Rei Lear (1990), Tagen-Ata (Méndez Ferrín, 1990), Os Xustos (Camus, 1991), Galileo Galilei (Bertolt Brecht,1993), Macbeth (William Shakespeare,1994), Feirantes (Alvaro Cunqueiro, 1999), Romeo e Xulieta (William Shakespeare, 2010) ou Touporroutou da Lúa e do Sol (Vidal Bolaño, 2013). Noroeste, ademais, combina a adaptación de textos clásicos coa posta en escena de obras escritas polo propio Eduardo Alonso. Neste campo, pódense destacar pezas como O país acuático (2000), As damas de Ferrol (2002), Confesión (2005), Extrarradios (2008), Imperial: Café cantante. Vigo 1936 (2006), Glass City (2009), Último cowboy (2011), Palabras malditas (2016) ou Estado de Graza (2017).
O Premio de Honra Marisa Soto únese a diferentes recoñecementos que Alonso recibiu ao longo da súa carreira. Entre os seus galardóns, pódense subliñar os premios Compostela para a obra As alegres casadas ao mellor espectáculo da temporada e para Rei Lear, versionada por Alonso e Cándido Pazó, á mellor versión teatral en lingua galega. Alonso conta con tres premios María Casares: iluminación por Noite de Reis en 1997 e por Imperial: Café cantante en 2006 e mellor texto orixinal, tamén por Imperial: Café cantante. No ano 2010 recibiu o Premio da Cultura Galega. Alonso, ademais, conta con dous Premios MAX ao mellor texto en galego.
Alberto Ramos (Comunicación Premios María Casares)