María Xosé Agra reflexiona nun ensaio sobre o sentido da xustiza e a igualdade

A catedrática de Filosofía Política María Xosé Agra, xunto coa vicerreitora de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social, Dolores Álvarez Pérez, e o director do Servizo de de Publicacións, Juan Blanco Valdés, presentaron o libro o martes 22 de novembro no Salón Reitoral do Colexio de San Xerome. O fío condutor da obra é a xustiza democrática e a igualdade, tomando como punto de partida a lección de Esquilo. Neste senso, María Xosé Agra considera que as achegas da filosofía feminista, das teóricas da xustiza constitúen un lugar privilexiado, nin exclusivo nin excluínte, para comprender a complexidade e os dilemas dunha política democrática e dunha sociedade máis xusta.
Tal e como a autora puxo de manifesto no acto público de presentación, as 222 páxinas do seu novo libro ofrecen “reflexión e interrogación que tento trasladar para que a xente pense comigo ou contra min”, porque “para ser quen de abordar conflitos hai que escoitar á outra parte, xa que oír a voz dos outros/as está no cerne da xustiza”.
María Xosé Agra
Catedrática de Filosofía Política na Facultade de Filosofía da USC, a liña de investigación da profesora Agra céntrase na filosofía política contemporánea, nas teorías da xustiza e na teoría crítica feminista. É autora de libros e artigos en revistas especializadas sobre xustiza, igualdade, cidadanía, multiculturalismo, vulnerabilidade e violencia.
USC editora
Herdeira da vella colección Monografías da USC —que entre 1971 e 2009 publicou 219 títulos—, USC Editora é unha iniciativa editorial creada en 2009. A través das series Académica, Clave, Cuadernos de Español como Lengua Extranjera, Ensaio, Manuais e Textos, concíbese como un selo comercial da USC rexistrado como marca europea que, dentro do Servizo de Publicacións e Intercambio Científico, proporciona canle editorial a unha serie de publicacións sometidas a un sistema propio de avaliación por pares externos á USC. O selo conta, ademais, cun elenco estable de editores internos, que someten os orixinais a unha avaliación previa.
Gabinete de Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela