O Día da Poesía Galega en Uruguai adícase a Claudio Rodríguez Fer

Claudio Rodríguez Fer iniciouse cun ciclo de poesía erótica, da que foi pioneiro en Galicia, composto por Poemas de amor sen morte (1979), Tigres de ternura (1981), Historia da lúa (1984), A boca violeta (1987) e Cebra (1988), libros reunidos en Vulva (1990) e antologados en A muller núa (1992). Na mesma liña erótica proseguiu con obras libertarias e universalistas, en boa parte escritas fóra de Galicia, como Extrema Europa (1996), A unha muller descoñecida (1997), Viaxes a ti (2006) e Unha tempada no paraíso (2010).
Comprometido sempre coa liberdade, coa xustiza e coa paz, compuxo tamén unha triloxía poética sobre a memoria histórica a partir de Lugo, de Galicia e da muller, conformada polos libros Lugo blues (1987), A loita continúa (2004) e Ámote vermella (2009). Así mesmo, realizou mostras de poesía visual, colaborou con fotógrafos e artistas como Eduardo Ochoa e Sara Lamas, e editou, con obras do pintor surrealista Eugenio Granell, Rastros de vida e poesía (2000) e Icebergs (Micropoemas reunidos) (2015), este con tradución ao castelán de Tera Blanco de Saracho.
Entre outros galardóns, recibiu o Premio da Crítica Española en poesía xa polo poemario xuvenil Tigres de ternura; o Premio Losada Diéguez de Investigación por Poesía galega e por A literatura galega durante a guerra civil, e o Premio Galiza Mártir á recuperación da memoria histórica xunto a Carmen Blanco, con quen coordina Unión Libre. Cadernos de vida e culturas. Foi obxecto dos libros Por un vocabulario galego do sexo. A terminoloxía erótica de Claudio Rodríguez Fer (1996) e O lume vital de Claudio Rodríguez Fer (1999), de Olga Novo, e Os mundos de Claudio Rodríguez Fer (1998), de Natalia Regueiro.
A súa obra está traducida ao castelán, inglés, francés, italiano, alemán, ruso, grego, catalán e bretón, e o seu poema "A cabeleira" foi traducido a sesenta linguas dos cinco continentes da Terra. En inglés, Kathleen March editou Tender Tigers (2014) e Diana Conchado editou Deathless Loves (2015); en francés, María Lopo editou Voyages à toi (2008) e Les amours profonds (2016), así como a antoloxía celta en bretón Moito máis que mil anos (2000).
Ademais de poeta é narrador, autor teatral e ensaísta. A súa narrativa breve foi reunida en Contos e descontos (2011) e publicou numerosos libros de ensaio, edición e estudo sobre literatura universal (Dostoievski, Borges, Neruda, Cortázar), española (Machado, Cernuda, Valente, Gamoneda) e galega (Castelao, Dieste, Granell, Carballo), a miúdo lucense (Pimentel, Fole, Ángel Johán, Cunqueiro).
É director da Cátedra Valente de Poesía e Estética da Universidade de Santiago de Compostela, onde codirixe o anuario Moenia. Tamén exerceu a docencia nas Universidades da Cidade de Nova York, de Bretaña Sur en Lorient e da Alta Bretaña en Rennes, por onde foi nomeado Doutor Honoris Causa. Publicou, recitou e disertou en numerosos lugares de Europa, América e África.
O venres 18 de novembro farase unha semblanza da súa figura en Montevideo e terá lugar un recital da súa poesía, precedido dun relatorio do propio autor. Claudio Rodríguez Fer ten falado e recitado noutras cidades de América Latina, a miúdo en relación co exilio e a emigración, como en Caracas, San Juan de Puerto Rico ou Bos Aires (onde María Kodama presentou un libro seu sobre Borges).
Claudio Rodríguez Fer