Bota a andar o programa de dinamización lingüística O galego é un mundo
O programa de dinamización lingüística “O galego é un mundo: multiculturalismo e diversidade lingüística hoxe”, da Secretaría Xeral de Política Lingüística, botou a andar cunha xornada informativa para profesorado pertencente a equipos de dinamización da lingua galega celebrada no salón de actos do Pazo de San Roque.O titular de Política Lingüística da Xunta, Valentín García, ocupouse da sesión de apertura cunha intervención na que destacou “o feito de que, en contra do que tendemos a pensar, o monolingüismo non é a norma da que os galegos nos saímos, senón que entre a metade e dous terzos da poboación mundial fala máis dunha lingua”. García Gómez insistiu na importancia de conseguir que as novas xeracións saiban apreciar o valor desta diversidade idiomática á que Galicia contribúe co seu idioma propio.
Na presentación de “O galego é un mundo”, o secretario xeral estivo acompañado por Sabela Gil, coordinadora central dos equipos de dinamización da lingua galega; por Anik Nandi, sociolingüista bengalí que desenvolverá o programa e que foi o encargado de expoñerlle ao profesorado os detalles relativos aos seus obxectivos e contidos; por Manuel Núñez Singala, xefe do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago, que falou do “Papel da sociedade na modificación das condutas lingüísticas”; por Xurxo Salgado, director do xornal dixital Galicia Confidencial, que se ocupou da “Visibilización dos programas de multiculturalidade nos medios” e das súas “repercusións na sociedade global”, e por Brais Fernández, dinamizador sociocultural e lingúístico integrante do dúo “Consello de Galegos Ilustres”, que desenvolveu, xunto con Nandi, o recital “Poesía galega en bengalí”.
O programa “O galego é un mundo”, que leva adiante por primeira vez a Secretaría Xeral de Política Lingüística en colaboración cos equipos de dinamización da lingua galega de 12 centros educativos de ensino secundario, persegue fomentar a consciencia da diversidade lingüística e do muticulturalismo e contribuír a erradicar os prexuízos existentes a respecto do galego. Articúlase nunha serie de relatorios interactivos impartidos polo sociolingüista bengalí Anik Nandi, quen realizará unha análise contrastiva entre a realidade sociolingüística de Galicia e a da India.
Nesta primeira edición, “O galego é un mundo” chegará aos seguintes centros educativos: IES Félix Muriel (Rianxo), IES San Clemente (Santiago de Compostela), IES Carral, IES Manuel Murguía (Arteixo); IES Aquis Celenis (Caldas de Reis); IES Castro Alobre (Vilagarcía de Arousa); IES Carlos Casares (Vigo); IES Chano Piñeiro (Forcarei); IES Taboada Chivite (Verín); IES Cidade de Antioquía (Xinzo de Limia); CPI Plurilingüe Navia de Suarna e IES de Ribadeo Dionisio Gamallo.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia


