Ciencias da Educación da USC explora os usos didácticos e normalizadores da muiñeira
Vai dirixido preferentemente ao alumnado das titulacións que imparte, aínda que está aberto ao resto da comunidade universitaria.O obradoiro vaise celebrar na sede da Facultade no Campus Norte os días 25 de outubro, e 8, 15, 22, 29 de novembro e 13 de decembro, de 14:00 a 15:00 horas no ximnasio do centro. O curso é de balde, aínda que cómpre formalizar a inscrición antes do 23 de outubro en www.usc.gal/snl/dinamizacion/obradoiro_baile.html, pois hai un máximo de 30 prazas.
Con este obradoiro, ademais de adquirir destrezas básicas de baile galego -en concreto a muiñeira- tamén se reflexionará sobre o seu uso como recurso didáctico na escola en relación con áreas como expresión corporal, a educación emocional, a lingua, etc.
O curso combinará breves exposicións teóricas e práctica de baile centrados na muiñeira (danzas de fitas, de paus, muiñeira corrida, muiñeira vella) e na xota (xota e maneo), nos ritmos de muiñeira noutras danzas do mundo e nos exercicios preparatorios para bailala.
A encargada de impartir o obradoiro é Marta Otero García, quen ten reflexionado ben sobre esta cuestión, pois ademais de ser mestra especialista en educación musical é membro da asociación de música e baile tradicional galego ‘Brincadeira’ e mestra de baile tradicional en actividades extraescolares para alumnado de infantil e primaria.
Gabinete de Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela (USC)


