Inaugúrase no Centro Galego en Lisboa a exposición sobre Manuel Rodríguez López
A mostra forma parte do PROXECTO MANUEL RODRÍGUEZ LÓPEZ emprendido por GaliciaDigital e a familia do escritor, co apoio do Concello de Paradela, a Xunta de Galicia (Secretarías Xerais de Política Lingüística e de Cultura), a Deputación Provincial de Lugo (Delegación de Cultura), o Concello de Lugo e a Real Academia Galega. Ademais, incorpórase a esta edición como entidade co-patrocinadora o Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra. Esta mostra itinerante percorreu xa numerosas cidades e localidades galegas, visitou a Casa de Galicia en Madrid e os Centros Galegos de Barcelona, Salamanca, León ou Vitoria, abríndose agora no Centro Galego de Lisboa, o que supón un fito importante no desenvolvemento e expansión deste proxecto.
A exposición está composta por oito paneis dobres, nos que se reflicte a vida e obra do escritor paradelense, considerado o mellor poeta obreiro galego do século XX, que escribiu en Catalunya a maior parte da súa obra, e foi, ademais dun grande animador das actividades galegas en Catalunya, o vínculo perfecto entre Galicia e os galegos emigrantes no País catalán.
Neste acto tamén se presentarán a reedición do folleto que presenta os contidos completos da exposición, e a segunda edición da Antoloxía Poética de Manuel Rodríguez López, coordinada por Xesús Alonso Montero e Santiago Rodríguez.
Na inauguración da mostra participarán Álvaro Moreira, presidente do Centro Galego de Lisboa, e o Director de GaliciaDigital, Antonio Giz.
Máis información en: Proxecto Manuel Rodríguez López
GaliciaDigital


