12 artistas interactúan con fondos da Fundación Cela no centenario do Nobel galego

Román Corbato, Elena Fernández Prada, Mery Pais, Amaya González Reyes, Chelo Matesanz, Carme Nogueira, Jorge Perianes, Laura Piñeiro, David Catá, Edu Valiña, Jesús Madriñán e Paulova contribúen nesta mostra con cadansúa obra de arte contemporánea, na que ofrecen a súa visión particular sobre o autor de ‘A familia de Pascual Duarte’.
Ata o 24 de setembro, a exposición pode visitarse na sede da fundación, no concello de Padrón, onde foi presentada esta mañá polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e pola comisaria, Paula Cabaleiro, nunha rolda de prensa na que os e as artistas participantes realizaron un percorrido guiado pola exposición, e que tamén contou cunha performance a cargo de David Catá.
No título da mostra conflúen o título dunha publicación que recolle unha selección de artigos de Cela, ‘Las compañías convenientes’, e mais o espírito da súa cita na que asegura que “o individuo non é xamais un plano senón un poliedro”, segundo explicou durante a presentación o secretario xeral de Cultura, quen recordou “o valioso legado” custodiado pola fundación, con coleccións de pintura, gravado e ilustracións, unha completa biblioteca, un destacado epistolario, o compendio dos manuscritos orixinais de Cela e diversas coleccións.
Un achegamento “poliédrico” á figura de Cela
Unha instalación de metal, madeira e documentación gráfica para recrear o vagabundear do escritor pola paisaxe da Alcarria; unha colaxe de acuarela a partir do filme de ‘La colmena’ de Mario Camus; un retrato do escritor para integrar a pintura na gran colección de caricaturas de Cela que se custodia na fundación; unha fotografía baseada na analoxía do estudio do artista e do seu proceso creativo, e a mesa de despacho de Cela; e unha instalación audiovisual que convida o espectador a realizar unha viaxe en taxi para rememorar a súa contorna máis próxima son algunhas das obras que conforman o proxecto expositivo ‘Compañías convenientes’.
O centenario dun Nobel
A Fundación Pública Galega Camilo José Cela vén desenvolvendo ao longo de 2016 un diverso programa de actividades para convidar a cidadanía a participar na celebración do centenario do escritor. Entre elas destaca a mostra ‘CJC 2016. O centenario dun Nobel’, que se inaugurará na Biblioteca Nacional de España o vindeiro 4 de xullo e que despois se poderá ver no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura.
Mostras como ‘O gran coleccionista’, xornadas de literatura, certames literarios, actividades escolares e diferentes proxectos de dixitalización completan esta programación conmemorativa, na que participan numerosas administracións e entidades, como son o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte do Goberno de España, a Biblioteca Nacional de España, o Consello da Cultura Galega, a Consejería de Educación de Madrid, as deputacións da Coruña e de Guadalaxara, Acción Cultural Española, o Concello de Padrón, a Fundación Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes, El Corte Inglés e as universidades de Vigo, Camilo José Cela, Internacional Menéndez Pelayo e de Ciencias Empresariais e Sociais de Buenos Aires.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia