Política Lingüística e Vegalsa-Eroski festexan as Letras Galegas 2016

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentouna esta mañá no Eroski Center da Gándara (Narón), acompañado da directora de Relacións Institucionais e Responsabilidade Social Corporativa da compañía, Gabriela González, e salientou durante a súa intervención a importancia de que as empresas se comprometan coa promoción do uso do galego desde as súas accións de responsabilidade social.
Promover a lingua desde a RSE
“Vegalsa-Eroski constitúe todo un exemplo no compromiso e na promoción do uso do galego desde a responsabilidade social corporativa dunha empresa radicada en Galicia que incorpora e implementa diferentes actuacións a prol do desenvolvemento cultural e lingüístico da nosa comunidade entre as liñas de traballo prioritarias destinadas aos seus grupos de interese”, sinalou.
Carteis e bolsas para conmemorar as Letras Galegas
Unha tirada de 500 carteis dunha das dez imaxes que integran a mostra “Soñando Galicia con Manuel María” -coa que o CEIP Alfonso Daniel Rodríguez Castelao de Rianxo se fixo este ano co Premio do Concurso-Exposición Letras Galegas 2016- e dous millóns e medio de bolsas de edición especial contribuirán a visibilizar a celebración das Letras Galegas desde a cesta da compra dos establecementos Eroski-Center e Familia.
Trátase dunha acción que Vegalsa-Eroski engloba no seu compromiso cos atributos propios de Galicia, que teñen no idioma propio un dos seus máximos expoñentes, e que conta coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia