Vicente Araguas presenta en Madrid o libro Agora xa foi, reeditada 15 anos despois

Na presentación interviñeron, ademais do autor, o Coordinador de Actividades da Casa de Galicia, Ramón Jiménez, quen o fixo en nome do delegado da Xunta en Madrid e director da Casa, José Ramón Ónega, e o editor Francisco Rodríguez.
Nas súas palabras, Jiménez lembrou que Araguas é doutor en Filoloxía Inglesa e natural de Xuvia-Neda, provincia da Coruña, “autor tan querido nesta Casa, na que interveu en numerosas e diversas ocasións”, e destacou de entre elas “as sesións de poesía galega que coordinou nesta mesma sala ao longo de varios Ciclos memorables”. Sinalou tamén que Vicente escribe en galego e en castelán, indistintamente. “Neste mesmo ano presentamos aquí un precioso libro de relatos seus, Nos dió por llorar mientras llovía, en castelán, mentres que a novela que hoxe lles ofrecemos áchase escrita nun espléndido galego, idioma que domina á perfección e co que fai gozar mesmo a quenes non o falan”.
Pola súa banda Francisco Rodríguez comentou que Embora leva publicando libros en Ferrol desde “hai 23 anos, con máis de 300 títulos, mesmo poesía e teatro”, o que dá unha idea da arriscada aposta desta empresa editorial. Para el, Ferrol é unha gran descoñecida tanto en Galicia como fóra dela e con Embora desexa contribuír, “na medida na que eu poida, a paliar isto”.
Vicente Araguas explicou que a súa elección de Embora para a segunda edición do seu libro baséase, precisamente, en que é “unha editora local, valente, loitadora, indie, e de Ferrol”, á que engadiu un prólogo que “non xustifica pero aclara que o pasado xa foi e non ten volta”. A nova edición mira ao pasado pero desde o presente.
“Agora xa foi é unha historia de amor e loita, no Ferrol de 1971, nos tres días previos a un partido de fútbol, Ferrol-Betis, no vello estadio do Inferniño. Alí, un vello heroe, Fandiño, pretende sementar o campo con octavillas convocando á folga. A lírica remata sendo épica. E desfeita”, dixo o autor. Tanto Fandiño como Araguas pensan que “amar é combatir”.
O acto contou coa asistencia de destacados escritores, poetas e personalidades do mundo cultural galego en Madrid, como Fermín Bouzas, Carmen Pena, Manuel Pereira, Inés Canosa, Pepa Nieto, Danikxt, Francisco Pastoriza, Rafael Yáñez...
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia