Fina Casalderrey, Domingo Villar e Ledicia Costas levan a literatura galega ás bibliotecas municipais arxentinas

As bibliotecas Guido y Spano e Casa de la Lectura serán os escenarios destes encontros, aos que se suman o vindeiro 3 de maio Diego Ameixeiras e María Meijide. A académica da lingua galega Fina Casalderrey abrirá estes encontros coa conferencia 'A LIX como carne de cangrexo', que será presentada polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo.
Ademais, o representante do Goberno galego mantivo esta mañá unha xuntanza co director xeral do Libro, Bibliotecas e Promoción da Lectura da Cidade de Buenos Aires, Javier Martínez, na que ambos abordaron as estratexias promovidas polos seus respectivos departamentos para reforzar os servizos bibliotecarios, impulsar o sector editorial e promover a lectura entre a cidadanía.
Percorrido polos murais de Seoane en Bos Aires
A Consellería de Cultura da Xunta de Galicia e o Ministerio de Cultura Goberno da Cidade de Bos Aires colaboran tamén na difusión dos itinerarios culturais polos murais de Luis Seoane. Con este obxectivo, Anxo Lorenzo e Josefina Delgado presentan hoxe no stand de Galicia un novo material divulgativo que inclúe máis de vinte murais do artista situados en lugares públicos e tamén na entrada de edificios particulares de Bos Aires.
Nesta iniciativa para dar a coñecer na cidade unha das figuras máis salientables da arte galega do século XX destacan dous circuítos: un no barrio de Belgrano e outro que abatca os barrios de Recoleta, Retiro, San Nicolás e Balvanera.
A programación galega na Feira do Libro de Buenos Aires está accesible en www.cultura.gal/librogalegobaires16 e o desenvolvemento das actividades pode seguirse a través das redes sociais, en Facebook e Twitter (librogalegobaires16).
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia