Preséntase o libro Astronomía a ollo ceibe do científico Ramón Mª Aller

O titular do departamento de Cultura e Educación da Xunta de Galicia lembrou que o astrónomo galego foi o creador do primeiro Observatorio astronómico de España na súa casa natal de Lalín. Tamén rememorou que a publicación ‘Astronomía a ollo ceibe’ xa fora anunciada pola prensa da época en 1936 como unha guía de divulgación astronómica en galego, pero o certo é que o orixinal nunha foi localizado.
Deste xeito, a obra presentada está baseada no volume en castelán ‘Astronomía a simple vista’, publicado en 1948. Coordinada polo profesor e director do Observatorio da USC, José Angel Docobo, e co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería, así como da Editorial da USC, ‘Astronomía a ollo ceibe’ ve a luz “como orixinalmente foi concibida por esta figura senlleira”, subliñou Román Rodríguez.
Figura clave na ciencia galega
O conselleiro lembrou a fonda pegada do científico dezao na divulgación científica de principios do século XX na lingua propia. Ramón Mª Aller ingresou no Seminario de Estudos Galegos en 1928, onde traballou a prol da introdución das ciencias no seno desta organización.
Así mesmo, e ao abeiro das reunións celebradas no Observatorio astronómico de Lalín, preparouse a redacción dunha extensa biografía do Matemático Rodríguez en 1929 e elaboráronse diversos ensaios escritos para a revista ‘Logos’, escrita en galego.
Conmemoración no pobo natal
Ademais de participar na presentación desta edición, Román Rodríguez tamén asistirá ao acto conmemorativo que se celebrará ás 20:00 horas no Museo Municipal de Lalín, que leva o propio nome do científico.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia