El Grupo Popular defenderá no Pleno a inclusión do Códice Calixtino no rexistro de Memoria do Mundo

Pedro Puy informou que a sesión plenaria dará comezo coa designación dos dous novos membros do Consello de Contas de Galicia e de tres membros do Consello Social da Universidade de Vigo. A continuación, e previa á comparecencia do conselleiro de Política Social para informar das liñas xerais da política familiar realizada pola Xunta, procederase ao debate de dous novos proxectos lexislativos: o de medidas en materia de proxectos públicos de urxencia ou de excepcional interese, e o de economía social.
O debate e aprobación do proxecto de lei medidas en materia de proxectos públicos de urxencia ou de excepcional interese levarase a cabo polo procedemento de lectura única. Puy explicou que o texto “é basicamente o que xa se debateu como emenda ao artigo 144 da Lei do Solo, coa incorporación dalgunhas das cuestións que no debate en ponencia se propuxeron”.
GARANTÍAS XURÍDICAS
Puy asegurou que o debate deste proxecto de Lei cumpre o recollido no Regulamento do Parlamento e ten todas as garantías xurídicas para a súa tramitación parlamentaria. Neste sentido, lamentou que “este problema podería estar resolto” na tramitación da Lei do Solo, pero “non foi posible por un formalismo que impediu o debate” da modificación. O portavoz popular subliñou que “a opinión pública terá que xulgar quen está para resolver os problemas e quen está en contra de resolver estas cuestións”.
“Esta lei pretende corrixir unha eiva na lexislación vixente que é urxente abordar”, manifestou Puy, quen apuntou que, “con independencia de que esta norma sexa aplicable a problemas semellantes que xurdan en calquera dos concellos galegos, a aplicación máis inmediata, pola súa incidencia no emprego, na industria e na economía, é a necesidade da factoría de PSA en Vigo de contar con novas instalacións para producir automóbiles”.
Respecto do proxecto de Lei de Economía Social de Galicia, Puy salientou que “permitirá simplificar os trámites para a constitución deste tipo de entidades e habilitará liñas de financiamento específicas que complementen as que xa existen”. Ademais, apuntou que con esta norma “habilitaranse instrumentos de financiamento, que van desde os microcréditos ata fondos de capital risco; impulsaranse as cooperativas de mozos; rebaixaranse as cantidades para constituír entidades de economía social; e se mellorará a representación das empresas e as sociedades de economía social”.
CÓDICE CALIXTINO E ESTRADA PO-531
A orde do día da sesión plenaria da vindeira semana incorpora, ademais, dúas proposicións non de lei do Grupo Popular. A través da primeira delas, solicítase a participación e implicación da Xunta para acadar a inclusión do Códice Calixtino no rexistro de Memoria do mundo da Unesco. Esta iniciativa suporá “unha especial protección e recoñecemento para este libro, unha das xoias da literatura e imprescindible para o coñecemento das peregrinacións”, explicou Puy.
A segunda das proposicións non de lei do Grupo Popular insta á Xunta a licitar a execución da reforma do treito da estrada PO-531 entre Vilagarcía e Curro, priorizando os puntos máis deficitarios para a mellora da seguridade viaria.
Por último, o Grupo Popular cuestionará ao Goberno galego sobre a evolución dos contratos-programa nos centros de ensino galegos e sobre a incidencia que teñen as liñas de apoio da Xunta no ámbito forestal galego.
A modo de resumo, Puy indicou que 21 das 28 cuestións que integran a orde do día do Pleno son a iniciativa da oposición, co que triplica as iniciativas do Goberno galego e do Grupo Popular e “dan unha nova mostra da capacidade de control que a oposición pode exercer sobre a Xunta desde o Parlamento”.
Gabinete de Comunicación do PPdeG