O BNG comprométese a rexistrar e apoiar a moción en defensa do galego
A parlamentaria nacionalista, Ana Pontón participou hoxe na xuntanza convocada pola Mesa pola Normalización Lingüística co fin de acadar o apoio e unidade da maioría forzas políticas en defensa da lingua galega tras as recomendacións do Comité de Expertos e do Comité de Ministros do Consello de Europa ao goberno galego a elaborar un novo decreto para o uso do galego cun amplo respaldo social e político así como a derrogación daqueles artigos do decreto 79/2010 que limitan o uso.Pontón anunciou que o BNG rexistrará e apoiará a moción en defensa do idioma galego en todos aqueles concellos nos que teña representación e criticou que a presenza do Partido popular na xuntanza celebrada hoxe en sede parlamentar, representara “un acto de cinismo político e unha burla a todos os asistentes”.
Na súa intervención, a deputada recalcou que o galego é “a maior creación colectiva do noso pobo e que nos fai estar no mundo con voz propia” polo que resulta urxente, que o Partido popular mude a súa política lingüística contraria a normalización do noso idioma. O decreto do plurilinguismo, abondou a parlamentaria, é “un esperpento xurídico e unha ofensa a nosa dignidade como pobo” polo que demandou do Goberno galego a súa derrogación.
O acto convocado pola Mesa pola Normalización Lingüística pretende impulsar un debate sobre a necesidade de derrogar o decreto e acadar o compromiso de todas as forzas políticas en todos os concellos a prol da súa modificación e en defensa da normalización do idioma galego en todos os ámbitos.
Gabinete de Comunicación do BNG


