Agadic contribúe con 58 funcións ata xuño na Rede Galega de Salas

Contribúese deste xeito ao mantemento da actividade das salas escénicas de titularidade privada e capacidade reducida que, porén, reúnan os requirimentos para o desenvolvemento das actuacións de xeito profesional. Neste primeiro período de programación anual son 28 as compañías que dan forma á carteleira da Rede Galega de Salas, para a que se conta cun orzamento próximo aos 28.500 euros.
Propostas para público familiar
Este circuíto iniciou a súa actividade en 2007, ofrecendo dende entón un catálogo de propostas caracterizado pola multidisciplinariedade e no que foron cobrando maior peso as novas tendencias escénicas e os espectáculos especialmente dirixidos ao público infantil e familiar. De feito, este último tipo de propostas supón máis dun 65 por cento das actuacións contratadas no circuíto de xaneiro a xuño.
A meirande parte destes espectáculos preséntanse na Rede Galega de Salas da man de compañías galegas: A Illa dos Nenos, A Cova das Letras, A Xanela do Maxín, APP Creacións, Artello Teatro, Caramuxo Teatro, Danthea Teatro, Elefante Elegante, Floristería, Galitoon, Katarsis Educación e Teatro, Ningures Produción, Os Contos de Pablísimo, Teatro da Semente, Títeres Alakrán, Títeres Cachirulo, Trinketrinke Teatro e Xarope Tulú. En canto ás propostas teatrais para público adulto, a oferta galega está conformada por Aflera Producciones, Anómico Teatro, Ibuprofeno Teatro, Matrioshka Teatro, Teatro Ensalle e Xerpo Cultural.
A Rede Galega de Salas dá forma xunto á Rede Galega de Teatros e Auditorios e á Rede Galega de Música ao Vivo á carteleira de exhibición escénica e musical máis ampla de Galicia, que durante este semestre ofrecerá un total de 500 actuacións de teatro, música, danza, maxia e novo circo en 79 espazos de toda Galicia.
A programación das tres redes pode consultarse nos webs www.cultura.gal/gl/axenda e www.agadic.gal/Axenda.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia