Péchase na Coruña o ano adicado a Filgueira Valverde, homenaxeado coas Letras Galegas 2015

Estas dúas xornadas, que lle dan continuidade ás xa realizadas en Pontevedra e en Santiago de Compostela –os pasados días 10, 11 e 24 de novembro–, “van servir de peche para este Ano Filgueira, cunha merecida e necesaria actualización da contribución á cultura galega deste estudoso e divulgador”, afirmou o secretario xeral.
Novas descubertas sobre Filgueira
Segundo asegurou, “Filgueira Valverde entregounos unha obra de creación de altura para a nosa construción lingüística e cultural; e fíxoo desde o traballo persoal e desde o seu labor nas institucións nas que se integrou ou dirixiu, que forman parte esencial do tecido presente”. “Nestas xornadas –engadiu– temos a oportunidade de dirixir a nosa ollada cara a el e cara á súa obra, e farémolo de mans de estudosos recoñecidos que nos descubrirán aspectos esenciais da súa figura.
O investigador e escritor Arcadio López Casanova foi o encargado de abrir as xornadas da Coruña co relatorio ‘Filgueura Valverde e o seu tempo: apuntamentos para un retrato’, nas que Xesús Ferro Ruibal, Ramón Villares, Francisco Fernández Rei, Carlos Valle e Xesús Alonso Montero, entre outros, tamén achegarán nova luz sobre o profesor pontevedrés.
A sede da Fundación Barrié na cidade herculina será mañá o escenario da xornada de clausura, a partir das 16:30 horas.
Colaboración institucional
A Consellería de Cultura e Educación a RAG, o Consello da Cultura Galega (CCG), a Fundación Barrié e a Deputación de Pontevedra colaboran para promover esta iniciativa, na que participan recoñecidos especialistas de diversas universidades e institucións. Henrique Monteagudo, pola RAG; Diego Rodríguez, pola Fundación Barrié; Carlos Valle, polo Museo de Pontevedra; e Francisco Díaz-Fierros, polo CCG, coordinaron en cadansúa sede as diversas actividades, que teñen como obxectivo contribuír ao coñecemento sobre a vida e obra do intelectual pontevedrés.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia