A escritora pontevedresa Beatriz Hernanz ofrece un recital poético na Casa de Galicia en Madrid

No acto interviñeron, ademais de Hernanz, o tamén poeta e pontevedrés (de Vigo) Miguel Losada, que presentou á invitada, e o coordinador de Actividades Culturais da Casa, Ramón Jiménez, que o fixo en representación do delegado da Xunta de Galicia en Madrid/director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega López. Jiménez referiuse a Losada, lembrando que o pasado xullo presentou na Casa o seu último libro. Tamén que estivo á fronte da Cátedra de Estudos Galegos do Ateneo de Madrid, que coordinou diversos ciclos culturais e a aula de cinema da Asociación de Escritores e Artistas Españois, pois é un especialista en cinema, ademais de ser autor de varios poemarios.
Losada advertiu de que aínda que a alguén lle poida parecer que a obra de Hernanz é moi accesible, “pois non adoita utilizar recursos alambicados, o artificio está lonxe do seu verso, as súas palabras son claras”, o certo é que “non é tan fácil”. “Penetrar na súa densidade simbólica, na que a anécdota se ha suprimido, captar a súa música interna, esixe esforzo, esixe que permanezamos atentos”, mantivo. Valorou que os seus catro primeiros libros, aos que fixo referencias específicas, “aparecen intimamente ligados entre si como unha sinfonía en catro movementos. Unha sinfonía coa súa ´leit-motivs´ que van aparecendo e desaparecendo ao longo dos diferentes textos con moi diversas variacións”. Sinalou así mesmo a presenza na súa obra de “o mar da súa infancia galega”.
Beatriz Hernanz é natural de Pontevedra, cidade á que di seguir “vinculada poética e vitalmente”, aínda que reside en Madrid. Doutora en Filoloxía Hispánica pola Universidade Complutense de Madrid e Máster en Pedagoxía, realizou estudos de doutoramento na Universidade de Edimburgo cunha bolsa Stevenson. A súa actividade profesional centrouse no labor docente universitario, a crítica literaria nos principais xornais nacionais e revistas literarias, a xestión cultural e educativa e a creación literaria. Foi, entre outras cousas, profesora en universidades inglesas e americanas, directora académica na ESADT da Universidade de Kent, directora do Centro de Documentación Teatral do INAEM, coordinadora xeral da Comisión do Centenario de 1898 e directora executiva das áreas de Humanidades, Tecnoloxías e Infraestruturas do programa de bolsas da Fundación Carolina do MAEC. É autora dos poemarios “La lealtad del espejo” (Premio Barcarola de poesía, Albacete, 1993), “La vigilia del tiempo” (Accésit do premio Adonais, Madrid, Rialp, 1996), “La epopea del laberinto” (Palma de Mallorca, Calima, 2001), “La piel de las palabras” (Palma de Mallorca, Calima, 2005) “Los volcanes sin sueño” (Madrid, Polibea, 2011) e “A pelegrina do vento” (Toledo, Lastura, 2013). Está a finalizar un novo libro de poemas, cuxo titulo provisional é “Habitarás la luz que te cobija”.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia