VIII Premio José Couso de Liberdade de Prensa
O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG), creado pola Lei do Parlamento Galego 2/99 do 24 de febreiro, e o Club de Prensa de Ferrol, realizan a octava convocatoria do Premio José Couso de Liberdade de Prensa, co obxectivo de recoñecer e difundir o traballo dunha persoa viva ou organización existente destacada na defensa da liberdade de prensa ou cunha salientable traxectoria profesional, libre e independente. José Couso foi disparado o 8 de abril de 2003 mentres realizaba o seu traballo para os informativos de Tele5. No mesmo ataque faleceu o tamén cámara ucrainiano Taras Protsyuk. Os organizadores queren personalizar na figura de Couso a todos aqueles xornalistas, galegos ou non, que cada ano son asasinados, maltratados ou privados dos seus dereitos como persoas e como informadores. O VIII Premio José Couso de Liberdade de Prensa rexerase polas seguintes bases:
- Poderán ser presentadas as candidaturas dos xornalistas sen distinción de lugar de orixe.
- Calquera colexiado do CPXG ou socio do Club de Prensa de Ferrol pode entregar unha proposta argumentada de candidato para o Premio José Couso de Liberdade de Prensa. Igualmente, calquera persoa ou organización vinculada ó xornalismo está facultada para facer chegar a súa candidatura.
- As candidaturas deben incluir a seguinte DOCUMENTACIÓN: a. MEMORIA que conteña as razóns para apoiar dita candidatura (mínimo dun folio, máximo de cinco). b. CURRICULUM VITAE do candidato ou traxectoria da organización (mínimo dun folio, máximo de catro). A candidatura pode ir acompañada, de ser necesario, por outros tipos de material de apoio e, en xeral, por calquera documento que aporte datos relevantes e información adicional. Esta información poderá ser incorporada á web do Premio.
- As candidaturas serán enviadas por correo electrónico a premiocouso@xornalistas.com. Deberá ir perfectamente identificada a persoa ou entidade que propón a candidatura e un número de teléfono de contacto para as comprobacións pertinentes
- As candidaturas deberán presentarse necesariamente antes das 20:00 horas do 20 DE MARZO.
- Non serán admitidas as candidaturas que non cumpran os anteriores requisitos. A documentación presentada non será devolta nin se manterá correspondencia sobre ela. O Secretario do CPXG levantará acta sobre as candidaturas recibidas e as entregará, xunto coas mesmas, á organización. A comisión fará oficiais e públicas -na web do Premio e na sede do CPXG- as candidaturas o 23 DE MARZO.
- A Xunta de Goberno do CPXG e a Directiva do Club de Prensa de Ferrol nomearán unha comisión específica para a organización do certame. Esta comisión comisión é o máximo organo de decisión do premio e as súas decisións non admiten recurso algún.
- O XURADO do Premio José Couso está constituído por todos e cada un dos colexiados do CPXG e socios do Club de Prensa de Ferrol que teñan ó día o pagamento das súas cotas de asociados. O Decano do CPXG e o Presidente do Club de Prensa actuarán, respectivamente, como presidente e vicepresidente do xurado. Nomearase tamén un secretario.
- O xurado poderá votar única e exclusivamente a través de internet. A votación electrónica realizarase entre os días 23 DE MARZO e as 19 horas do 18 DE ABRIL na web do premio, www.xornalistas.com/couso. Os colexiados e colexiadas do CPXG realizarán o seu voto a través da intranet da web do CPXG. Os socios e socias do Club de Prensa de Ferrol, realizarán o seu voto enviando un mail co seu candidato a premiocouso@xornalistas.com. Deberán envíar a súa elección e incluír os seus datos persoais (nome, DNI e número de asociado). O voto non será válido se os datos non son correctos. O Secretario do CPXG levantará acta dos votos recibidos, quen os contará atribuíndollos a cada un dos candidatos. O Premio seralle concedido ó candidato que obteña a maioría dos votos. En caso de empate, o presidente do xurado disporá de voto de calidade. Este procedemento farase en presenza dun notario, quen levantará acta do resultado.
- O Premio José Couso é un recoñecemento da profesión xornalística galega que non implica ningunha contía económica. O gañador recibirá un diploma acreditativo e o símbolo distintivo que representa o Premio, consistente nunha escultura de Manuel Patinha, que leva o nome de "Ás ceibes".
- O fallo do xurado darase a coñecer o 26 DE ABRIL,e entregarase o 9 DE MAIO DE 2011 nun acto en Ferrol. (A participación neste certame implica a aceptación destas bases, depositadas ante notario)
© Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia.
Política de privacidade