Comeza a segunda edición do Querostar, o concursa de música ao vivo da Sala The Star
- O grupo gañador recibirá 1.000 euros de premio, o segundo 500 e o terceiro 300
- Os grupos poderán inscribirse a partir do vindeiro luns
- Entre todos os grupos ou artistas inscritos, os internatuas e expertos musicais escollerán a dez para actuar na Sala The Star durante o verán
- O público dos concertos puntuará aos grupos con pantallas táctiles situadas no local de espectáculos carralés
- Sortearanse ipods e abonos anuais para a Sala The Star entre os internautas e o público dos concertos. Tamén haberá un premio de 200 euros para a mellor crónica musical
- Todos os concertos serán retransmitidos en directo pola rede vía streaming na web www.querostar.com
- A banda coruñesa La Senda de Afra foi a gañdora da primeira edición do certame
Este mércores, 8 de xuño, comezou a segunda edición do concurso QUEROSTAR, o certame de música ao vivo que promete revolucionar o panorama musical galego este verán. Organizado desde Carral pola Sala The Star e Airapro Producións, o QUEROSTAR 2011 preséntase con suculentos premios de 1.000, 500 e 300 euros para os grupos finalistas.
A partir da semana que vén e até o 26 de xuño, calquera grupo ou artista, sen restricións de procedencia, estilo ou traxectoria, poderá inscribirse no certame. Unha vez rematada a fase de inscrición, os internautas poderán votar polos seus grupos favoritos a través da web www.querostar.com, unha votación da que sairán cinco dos dez grupos seleccionados para actuar en directo na Sala The Star. Os outros cinco grupos serán seleccionados do seguinte xeito: tres directamente pola organización do certame, un polo mellor videoclip (dentro da categoría Querostar Rodando, na que exercerá de xurado o deseñador Marcos Martínez) e outro pola mellor campaña de promoción nas redes sociais (o xurado deste Querostar Enredando será o community manager Álvaro Jesús Pérez Becerra).
Estes dez grupos tocarán na Sala The Star durante o verán en cinco concertos dobres que serán realizados e retransmitidos en directo por internet a través da páxina web do certame, nun anovador esforzo técnico e humano inédito no circuito de salas galegas. Durante os concertos, tanto o público como un xurado especializado puntuará cada unha das dez actuacións: os tres grupos con mellor cualificacións serán os tres finalistas, que se disputarán os premios de 1.000, 500 e 300 euros nun concerto final que se celebrará en outubro.
Pero iso non será todo... durante todo o verán haberá concertos promocionais, xogos, sorteos e sobre todo moita actividade na rede! E é que se na primeira edición do certame as tecnoloxías e as redes eran centrais para o desenvolvemento do concurso, este ano máis aínda: ademais de retransmitir por streaming as actuacións en directo con sinal de vídeo e audio, e proxectar na sala os comentarios dos espectadores online durante os concertos, o propio público do local puntuará as actuacións de 1 a 5 cunha pantalla táctil situada á entrada do local, introducindo un código de votación que se lle facilitará con cada consumición. Tamén haberá programas de radio e entrevistas online cos grupos participantes durante todo o certame, así como sorteos e xogos vía Twitter e Facebook.
E ademais dos premios para os grupos, os internautas e espectadores que sigan o certame tamén están de sorte: sortearase un iPod entre todos os fans da páxina de Querostar en Facebook, e outro entre todas as persoas que asistan aos concertos na SalaThe Star (terán que depositar a entrada, escribindo nela o seu nome e teléfono, nunha furna). E para non deixar de lado a diversión e o coñecemento, nos próximos días estará dispoñible na web do certame un xogo de preguntas, o Quiz Musical Querostar, no que calquera poderá poñer a proba os seus coñecementos sobre cultura musical galega... As tres mellores puntuacións conseguirán un abono para todas as actuacións da Sala The Star durante un ano!
Para rematar, e coa intención de impulsar o tecido mediático e musical en Galicia, créase o I Certame de Xornalismo Musical Querostar, no que calquera dos asistentes aos concertos e actividades do Querostar poderá enviar e publicar a súa crónica na web do concurso. O autor do mellor artigo recibirá un premio en metálico de 200 euros.
Na primeira edición do Querostar, o grupo gañador do certame (e polo tanto dos 1.000 euros de premio) foi a banda coruñesa La Senda de Afra, que nestes momentos está a piques de editar o que será o seu primeiro disco. Os cantareiros de Maghúa quedaron no segundo posto (obtendo un premio de 500 euros) e o grupo de fusión Chotokoeu, no terceiro lugar (300 euros).
O certame Querostar é unha produción de Airapro, a produtora audiovisual fundada en Carral polos actores Marcos Pereiro e Xosé A. Touriñán (máis coñecidos como Nucha e Mucha, as Cantareiras de Ardebullo), que tamén son os propietarios da Sala The Star.