O xardín das ideas
Bases
Convocatoria do concurso de ideas para a intervención paisaxística no claustro do convento de San Francisco que actualmente forma parte das dependencias do Museo Provincial de Lugo cuxa titularidade é da Deputación de Lugo.
Obxecto do concurso
A Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo e o Museo Provincial de Lugo convocan a primeira edición do concurso de ideas para a recuperación paisaxística do claustro do primitivo convento de San Francisco situado na trama urbana da capital da provincia.
Antecedentes
Este concurso de ideas xorde do ámbito técnico do MPL co fin de premiar aquelas propostas profesionais que acheguen contidos ao espazo claustral dende os diferentes ámbitos creativos á xardinaría e o paisaxismo. Preténdese con iso suplir unha serie de contidos que se foron perdendo co devir histórico.
Ámbito de actuación, obxecto da proposta e documentación disponible
O ámbito de actuación cínguese ás áreas de axardinamento do claustro, dividido en catro cuadrantes por camiños de lousas de pedra que debuxan unha cruz no seu desenvolvemento horizontal e en cuxo centro se localiza un pozo. O espazo da actuación encóntrase enmarcado pola arquitectura deste, cos seus catro corredores soportados por arcos de medio punto sobre columnas apegadas. A superficie da zona de intervención é de 400 m² (aprox.).
Obxecto da proposta
As propostas deben considerar a relación entre as zonas axardinadas e a arquitectura como un todo, contribuíndo á rehabilitación dun espazo por medio da dotación artística.
As propostas deben ser respectuosas coa integridade da arquitectura e as pezas depositadas no claustro.
Existe documentación a disposición dos concursantes.
Bases do concurso
Anexo 1
>>>Planimetría
>>>Dosier fotográfico
>>>Plano de situación
Anexo 2
>>>Formulario de incrición
Tipo de concurso
Esta convocatoria concibiuse como un concurso de ideas, a nivel de anteproxecto coa intervención dun xurado. Ao concursante gañador, segundo as especificacións das bases, faráselle entrega dun diploma acreditativo e dun premio de 3.000 €. O concurso tamén estará dotado cun máximo de tres mencións especiais.
O concurso poderase declarar deserto se o xurado considera que as propostas non reúnen a calidade suficiente ou calquera outro motivo.
Coa aceptación do premio, ou mencións especiais, poderáselle encomendar a redacción do proxecto e execución deste, en función dos condicionantes museolóxicos e museográficos, así como da viabilidade técnica e económica destes.
Organización e recepción das propostas
As funcións de coordinación, difusión e comunicación do concurso xestionaranse dende os respectivos departamentos do Museo Provincial de Lugo. Para maior información poden dirixirse a:
Dpto. de Belas Artes
Museo Provincial de Lugo
Praza da Soidade
27001 Lugo
Tel. 982 242 112. Fax. 982 240 240
belas.artes@museolugo.org
belas.artes1@museolugo.org
A recepción da documentación realizarase por medio do rexistro da Deputación de Lugo dirixidas ao Ilmo. Sr. Presidente da Deputación Provincial de Lugo. Tel. 982 260 000
R/ San Marcos n°8 -27001 Lugo
Concursantes
Poderán concorrer ao concurso persoas (maiores de idade) ou equipos de expertos en calquera ámbito profesional creativo, técnico ou científico, relacionados coa paisaxe ou a creación contemporánea. Por cada proposta presentada designarase un director responsable que para todos os efectos actuará como representante do equipo ante a organización do concurso.
Cada participante só poderá formar parte dun único equipo, ben sexa como titular ou colaborador e só poderá presentar unha proposta.
A participación leva consigo o coñecemento e aceptación das bases do concurso.
Non poderán participar no concurso como titulares ou membros de equipos:
- os membros do xurado e os traballadores do MPL.
- os membros da organización e seguimento do concurso.
- os que teñan grao de parentesco de primeiro ou segundo grao cos anteriores, ben sexa de consanguinidade ou afinidade.Os que se encontren asociados ou manteñan relacións de servizo ou colaboración profesional cos membros do xurado ou dos comités organizador e de seguimento.
- os que concorran nalgunha das prohibicións de contratar previstas no artigo nº 45 da Lei 30/2007 e demais normativa legal procedente.
Poderán ser obxecto de exclusión:
- as propostas que o xurado estime que non se axusten ás normas establecidas neste concurso ou que non acheguen a documentación necesaria para a súa valoración e análise completa.
- o quebrantamento, por calquera medio, do anonimato e/ou a publicación das propostas antes de facerse pública a decisión do xurado.
- a remisión da proposta fóra de prazo.
- o incumprimento dalgunha das bases do concurso.
Prazos
Inscrición (anexo 2)
Os profesionais ou equipos que queiran concorrer ao concurso deberán cubrir e enviar o formulario de inscrición con data límite do día 15 de octubro de 2011.
O formulario tamén se encontrará a disposición dos interesados na páxina web do MPL www.museolugo.org
Presentación dos traballos
Os traballos deberán ser entregados en man ou recibidos por correo postal ou mensaxería no rexistro da Deputación de Lugo que os remitirá á Vicepresidencia Primeira e/ou MPL.
Documentación e materiais a presentar
Documentación gráfica e escrita
Os traballos presentaranse baixo un lema, que deberá figurar en todos os documentos, de tal maneira que estes se manteñan anónimos ata que se produza a adxudicación dos premios.
O idioma utilizado será o galego, sen prexuízo de que tamén se poida presentar en castelán ou inglés.
Toda a documentación presentarase en sobres opacos e pechados.
- Sobre A
Informe en DIN A-4 que conteña:
- memoria descritiva do proxecto,
- estimación orzamentaria de execución da idea, detallada por capítulos,
- a memoria e o orzamento incluiranse nun único documento dun máximo de 20 páxinas. Resumo da proposta nunha páxina. Os documentos estarán en Arial, a corpo 12 puntos e interliñado 1,25,
- copia en A-4 dos documentos do sobre B.
- Sobre B
Tres paneis en formato A-1 montados en cartón pluma co material gráfico que se considere oportuno para explicar o proxecto.
CD identificado co lema escollido que conteña a información contida nos documentos dos sobres A e B, para á súa utilización por parte da organización do concurso, nos usos de comunicación, difusión, publicación e didáctica que se leven a cabo no museo. Os documentos débense achegar en formato PDF e Word.
- Sobre ou paquete C (opcional)
Se se considera oportuno os concursantes poderán achegar unha maqueta xeral ou de detalle. As medidas da maqueta non deben exceder os 100 cm en todas as súas dimensións e sen excepción.
- Sobre D
Datos do concursante
Formulario de datos persoais
Currículo do concursante ou do equipo e dos seus membros.
En todos os documentos do sobre D aparecerá asociado o nome dos autores aos lemas correspondentes para a súa identificación sen lugar a equívocos.
Custodia e devolución dos materiais
Os materiais e documentación orixinais da idea gañadora pasarán aoMPL, polo que non lle serán devoltos ao autor.
O resto dos materiais e documentación presentados non estarán a disposición dos seus autores ata que non remate o proceso de selección e exposición pública. Unha vez finalizada a exposición, os autores poderán recoller persoalmente o material e a documentación, no MPL.
O material e documentación que non fose reclamado polos autores no prazo dun mes despois de finalizada a exposición pública pasará a ser custodiado polo MPL, podendo dispoñer del libremente segundo as súas necesidades e a criterio da dirección deste.
Os autores das ideas e os propietarios dos materiais presentados a concurso, cederán ao MPL e á Deputación de Lugo, os dereitos de publicación e reprodución dos devanditos materiais para os efectos de comunicación, divulgación e investigación.
Anonimato
No caso de non resultar premiada a súa idea o concursante poderá permanecer no anonimato, tanto na exposición dos traballos como na súa posible publicación. Para este efecto deberá consignar esta premisa, de forma explícita, no exterior dos sobres e en cada un dos documentos entregados.
O Museo Provincial de Lugo tomará as medidas que considere oportunas na desembalaxe da documentación para garantir o anonimato das propostas.
Xurado
Composición
O xurado estará composto por:
Presidente:
o Vicepresidente da Deputación de Lugo e/ou Deputado Delegado de Cultura ou persoa en quen deleguen.
Vogais:
- a dirección do Museo de Lugo
- dous técnicos do MPL
- un arquitecto/a
- un ou unha artista
- un ou unha paisaxista
- historiador/a da arte
- unha persoa cualificada, pola súa experiencia, na organización de certames de xardinaría ou paisaxismo de recoñecido prestixio profesional.
Secretario: O da Deputación Provincial de Lugo ou persoa en quen delegue.
Resolución do premio e función
Na segunda quincena de outubro abriranse as plicas e emitirase a decisión do xurado. Con isto anunciarase a data para á concesión do premio e o accésit coincidindo coa exposición pública de todas as propostas presentadas ao concurso.
A concesión do premio, mencións especiais e diplomas acreditativos de participación a cada un dos participantes, realizarase en acto público entre os meses de novembro e decembro de 2011.
Funcións do Xurado
Apertura dos traballos.
Análise da documentación e admisión dos traballos.
Proposta razoada de exclusión en caso de que a houbese.
Valoración das propostas podendo solicitarse o asesoramento que se considere oportuno.
Cumprimento rigoroso do requisito de anonimato.
Procedementos para a resolución do concurso
A elección do proxecto gañador desenvolverase en varias roldas de selección quedando eliminados na primeira rolda aqueles traballos que non reciban o apoio de ningún dos membros do xurado, podendo cada un deles aprobar un número ilimitado de traballos.
Nunha segunda rolda, cada un dos membros do xurado poderá seleccionar un número máximo de tres proxectos, quedando eliminados aqueles que non obtivesen a aprobación de ningún dos membros do xurado.
Na terceira rolda de selección será declarado gañador o proxecto que obteña maior número de votos.
A decisión do xurado será inapelable.
A decisión razoada do xurado reflectirase nas actas do concurso, podendo contemplarse nesta, as observacións particulares dos membros do xurado se o considerasen oportuno.
Criterios de selección *
Integración, respecto e preservación polo monumento como Ben de Interese Cultural (BIC).
Interrelación funcional e visual dos distintos usos existentes, previstos. Inclusión de novos contidos funcionais compatibles co medio.
Calidade e ordenación formal do espazo.
Valoración dos aspectos evolutivos do xardín ao longo do tempo.
Valoración da formulación conceptual e formal acorde á estética contemporánea.
Consideración dos condicionantes do lugar, tanto de uso como ambientais ou humanos.
Valorarase a adecuación da proposta formal e construtiva ás premisas conceptuais expostas en cada un dos proxectos.
Valorarase a calidade, claridade e orixinalidade das propostas en función das premisas do convocante.
Valorarase a adecuación da proposta económica ás ideas expostas que optimicen a relación calidade-prezo.
*A valoración recollida nas actas poderá facerse de forma global razoando axeitadamente o resultado.
Premios
- Primeiro premio:
3.000 € e diploma acreditativo
- Mencións especiais:
Diplomas acreditativos (ata un máximo de tres en función das consideracións do xurado).
O resto das ideas de concurso que non obteñan premio, accésit ou mencións especiais, pero que fosen aceptadas no concurso recibirán un diploma acreditativo da súa participación neste.
Dereitos de propiedade
Os autores conservarán a propiedade intelectual dos materiais, documentación e traballos presentados ao concurso.
Os autores participantes no concurso cederán os traballos ao Museo Provincial de Lugo e á Deputación de Lugo cos fins de comunicación, difusión e divulgación do concurso e da respectiva actividade cultural.
Atendendo aos dereitos de propiedade do autor, non se poderá modificar nin ceder ningún dos proxectos sen o consentimento do autor.
A organización do concurso comunicarán aos concursantes en que datas e prazo poderán recoller os traballos non premiados.
Publicidade
Unha vez resolto o concurso e emitida a decisión deste, procederase a comunicalo aos interesados.
Todos os traballos presentados poderán ser publicados e difundidos no contexto do concurso "O xardín das ideas".
Poderanse publicitar os traballos co nome dos seus autores, a excepción daqueles que expresen o contrario.
Calquera punto non contemplado nestas bases resolverao o xurado.
___Enlace web BOP_Lugo: Estas bases foron publicadas no BOP (Boletín Oficial da Provincia de Lugo), nº 106, 11 de maio de 2011>>