Xosé Manuel Budiño
- Música›grupos folk-rock-pop
- Música›varios
- España›Galicia›Pontevedra›Moaña
Músico galego de orixe e universal polo seu fado, viaxeiro convencido, creador incansable, innovador por convicción, soñador de melodías imposibles. Xosé Manuel Budiño é un artista atípico: é difícil atopar alguén que desperte tanta admiración entre os seus. Inspírase nos pequenos sabores da música tradicional, pero sempre coa intención de crear unha música con estilo propio: a música que se pode converter nun futuro, pode que non tan lonxano.
Xosé Manuel Budiño fórmase na escola de gaitas Semente Nova de Moaña e na Universidade Popular de Vigo a principios dos oitenta. Despois de traballar no eido da música tradicional galega durante anos, explora outras canles artísticas tocando a cotío con xente do jazz, do clásico, do pop ou do flamenco e compartindo cartel e esceario con músicos coma Van Morrison, Jerry González, Jorge Pardo, Capercaillie ou A Orquesta Sinfónica de Lorient. Xosé Manuel Budiño ten feito ate o de agora cinco discos (Paralaia, Arredor, Zume de Terra, Home, Volta) todos eles recoñecidos mundialmente pola crítica especializada e con premios de renome.
VOLTA é o novo disco de Xosé Manuel Budiño. Baséase nun traballo audiovisual (dvd+cd), un documental sobre unha viaxe de ida e volta, unha “road movie“ ao longo de catro continentes nos que o creador galego participou nos últimos anos que culmina cun concerto ao vivo no Festival de Ortigueira.