Premio EmprendedorXXI en Galicia
A Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), a entidade financeira “la Caixa” e ENISA (Empresa Nacional de Innovación, SA) convocan unha nova edición do Premio EmprendedorXXI na comunidade, co obxectivo de recoñecer e premiar o labor e o talento das empresas galegas, así como a súa capacidade de crecemento. As empresas interesadas en participar, nesta iniciativa, teñen de prazo para presentar os seus proxectos ata o 6 de abril de 2011. O galardón, que tras a súa fase rexional inicia unha competición a nivel estatal, está promovido por "la Caixa" e cooutorgado por ENISA, adscrita ao Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, a través da Dirección Xeral da Política da Pequena e Mediana Empresa. A súa implantación en Galicia corre a cargo da CEG, como organización de referencia a nivel rexinal no eido do emprendemento e a innovación. O premio EmprendedorXXI, que trata de identificar, recoñecer e premiar as empresas innovadoras de recente creación con maior potencial de crecemento, conta na súa quinta edición con dúas categorías: ‘emprendesXXI’ e ‘crecesXXI”. A categoría ‘emprendesXXI’ está destinada a empresas de entre cero e dous anos de vida, entregarase a nivel autonómico, mentres que na categoría ‘crecesXXI’, que abrangue empresas que leven entre dous e sete anos constituídas, distinguiranse dúas fases: unha autonómica e outra estatal. O gañador autonómico, que se decidirá na primeira semana de maio, competirá a nivel nacional cos gañadores do resto de comunidades autónomas. As candidaturas, en ambas as dúas categorías, poderán presentarse ata o próximo 6 de abril, a través da páxina web do premio: http://premio2011.emprendedorxxi.es. Bases para a participación Poden participar no concurso as empresas constituídas como persoa xurídica con ánimo de lucro (SA., SL, sociedades laborais, cooperativas, sociedades civís) que cumpran, entre outros, cos seguintes requisitos formais: estar constituída, con domicilio fiscal en Galicia; iniciar a súa actividade, non antes do 1 de xaneiro de 2009 para a categoría ‘emprendesXXI’, e entre o 1 de xaneiro de 2004 e o 1 de xaneiro de 2009, para a categoría ‘crecesXXI’. Quedan excluídas as empresas consideradas como grandes, segundo a Comisión Europea. Fases e premios A dotación do premio na categoría ‘emprendesXXI’ (a nivel autonómico) abranguerá: unha achega económica de 5000 euros e unha bolsa para un curso de aceleración empresarial na Universidade de Cambridge. A dotación de cada premio, na fase autonómica, da categoría ‘crecesXXI’ comprenderá: unha ponte de innovación a Silicon Valley, a bolsa para o Executive Growth Program, un curso deseñado ad hoc por ESADE e IESE, e a participación na fase final estatal xunto ao resto de gañadores autonómicos. O proxecto gañador, na fase estatal, da categoría ‘crecesXXI’ recoñecerase como a empresa de maior potencial de crecemento de España. A dotación do premio, na fase estatal desta categoría, para o gañador e para os seguintes catro clasificados consistirá nunha achega económica de: gañador: 100 000 €; 2.º clasificado: 40 000 €; 3.º clasificado: 20 000 €; 4.º clasificado: 10 000 €; 5.º clasificado: 5000 €. A entrega de premios da fase final celebrarase en xuño, en Barcelona. Ambas as dúas categorías tamén optarán ao acceso preferente ao financiamento por parte de “la Caixa” e ENISA. Premio EmprendedorXXI Os principais obxectivos que persegue a organización do premio EmprendedorXXI son: fomentar o espírito emprendedor e potenciar a innovación e o progreso, así como contribuír ao desenvolvemento social e económico nos distintos territorios; identificar e premiar as empresas innovadoras con maior potencial en cada rexión, potenciar e favorecer as relacións entre proxectos, institucións e organismos, tanto rexionais como estatais, vinculados ao mundo da creación de empresas e da innovación. Na última edición, que se desenvolveu en Galicia, resultou premiada Imatia, unha empresa de base tecnolóxica especializada no desenvolvemento rápido de sistemas de información de alta calidade. Imatia traballa en estreita colaboración con consultoras de tecnoloxías da información, integradores e empresas de software, como tamén co departamento de TI de grandes empresas para, así, ampliar a gama de produtos e servizos que estas empresas poden ofrecer aos seus clientes e responder de maneira áxil ás súas necesidades crecentes.
|
|
Pechar fiestra |