O xenio creador
O xenio creador de José Mª Lugilde é sobradamente coñecido no mundo da plástica galega contemporánea.
Este home, inquedo e incansable leitador, cunha acreditada formación artística, ten no seu haber importantes éxitos acumulados ó longo da súa exitosa traxectoria, froito dun incesante e tenaz traballo investigador e de afondamento no coñecemento da técnica do debuxo e da cor que domina con singular soltura.
As súas raices e vivencias afloran no imaxinario que manexa, onde a figura humana e os máis exóticos animais e seres inertes protagonizan escenas fantásticas e oníricas que suxiren paraisos cheos de luz e de vivo cromatismo, de enorme forza vital e impacto visual.
O seu candel expresivo desborda os diques do convencionalismo expandéndose libremente, sen ningún tipo de concesións, na procura da innovación conceptual e de novas linguaxes con que nos poder transmitir un sentimento incomformista cara a unha sociedade que rexeita por hipócrita e insolidaria.