Muller implicada no terreo da cultura
Como muller implicada no terreo da cultura e como artista, Viki Rivadulla é esencialmente herdeira do temperamento de artistas como Maruja Mallo, da mesma estirpe loitadora no pensamento que se xerou en María Zambrano. Maruja Mallo, que viviu unha boa tempada de rapaza nesta Costa da Morte –absorbendo o mar de Corcubión- e interpretou, máis tarde, e xa no exilio, o Océano desde a mitoloxía social do traballo e do compromiso, entre a poética surrealista, simbólica e etnográfica, é para a nosa artista unha referencia estética tanto como moral.
Percorrer a obra de Viki Rivadulla é facer unha viaxe por unha explícita identidade, de xeito que as súas iconografías falarannos sempre dunha orixe e dun destino, a identidade pola que se cuestionara Gauguín en Tahití preguntándose de onde vimos, o que somos e a onde vamos. No seu caso ese territorio, tanto real como ficcional, é a Costa da Morte, desde a metonimia existencial de Muxía, un Macondo de imaxes sobre os aspectos sociais e antropolóxicos, que ben poderían explicar unha ampla historia de Galicia do mundo do mar. Muxía devén imaxe da memoria proustiana e alimento nutricio que atopamos en cada un dos seus cadros, pero no ameto máis universal é un peculiar dicionario de situacións na que homes e mulleres dun pobo mariñeiro soen afronta-la vida.
Deste xeito o seu realismo simbólico, cunha certa carga surreal, a veces distorsivamente expresionista, transita da identidade a unha conciencia do etnos, porque o seu relato pictórico, sempre comprometido coa vida real –xa sexa co presente ou co pasado- fálanos de costumes, da historia do pobo ou simplemente das vivencia contadas desde dentro, cunha forte carga antropolóxica. A mesma que incide na definición do ser humano e na condición moral do individuo e por extensión dese mundo que viviu e que vive.
Viki Rivadulla sintoniza coa actualidade máis comprometida, aquela que nos fala dunha arte que se implica coa existencia e cos problemas que estamos a vivir desde posicións mesmo político sociais e culturais, alonxando a neutralidade kantiana do puro pracer estético a outros territorios. E na especificidade, e como tantas mulleres artistas dos últimos anos, pon de manifesto unha conciencia de xénero, reforzando a figura daquelas desde a situación da loita diaria, a mesma muller loitadora que imaxinaba Maruja Mallo nos seus elementos do mar e do traballo como sustento necesario do mundo. Retrato, no seu caso, da muller da Costa da Morte, recorrencia inalterable en tódalas situacións iconográficas posibles que pode estenderse ó home, cuxo destino aparece ligado ó mar, percepción simbólica dun percebeiro, mariño que acaricia a morte, xente do mar que escenifica unha mirada agónica –sempre no senso da loita- do seu destino.
En Viki Rivadulla o compromiso significa que a pintura é algo máis que unha posición estética, sen embargo non descoida a linguaxe, é dicir, a maneira de construír aquela como estrutura formal: faino desde unha figuración sinxela, a veces evocando vencellos co expresionismo da vangarda histórica galega dos Laxeiro ou Colmeiro, no que toca á estética do granito, de formas envolventes e escultóricas, outras lembrándonos a sutileza lineal e esencialista de Seoane ou a admiración simbolista da xa citada Maruja Mallo. Pero, ó final, adquire unha mirada propia, unha linguaxe de realismo directo, dirixido ó corazón daqueles espectadores que percibirán en cada unha das súas obras un anaco da nosa historia pasada ou contemporánea, retrato –dicía antes- da Costa da Morte, de Muxía, da muller galega e, por extinción, dun territorio cultural e social que forma parte do noso mundo.