A escultura de Xoan Vila
As forzas telúricas dos ancestros pregan,
falan polas bocas deuterotocias da madeira asexuada,
e arrastran conceptos no devagariño das cotelas.
Tarugos de castiros coma castelos fornecen as gubias apreixadas
en paixóns retorcidas chamando a berros arrebatados.
Esperpentos valleinclanescos nos espellos cóncavos de Xoán Vila
sofren iniquidades entre as vetas circundadas de segredos.
Pregues de paixóns estordegadas de dor e asombro
no espasmo dos días e no espanto terrorífico da sorpresa.
Perfís hieráticos exipcíacos cheos de amargura e asombro,
de angustia e mágoa.
Laoconte e os seus fillos botados ao averno
dos pesares e do sufrimento.
Bocas abertas e ollos saltóns entre o espanto e o pranto.
Bifrontes enxendros na planicie das formas
que escoitan a expresión das pantasmas.
Parálise nas fazulas abovedadas dunha obra
chea de arte e de misterio.